Mos mellora os seus parques para que os cativos gocen ó máximo durante as xornadas de bo tempo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá varios dos parques infantís municipais que están a ser reformados dentro dun plan integral de mellora de parques que se iniciou fai varias semanas.

O proxecto comezou coa visita técnica da aparelladora municipal a tódolos parques da localidade mosense para comprobar as deficiencias existentes, tomar nota das necesidades e valorar as obras pertinentes a realizar nos casos das áreas de lecer que así o precisasen.

Unha vez feito o traballo de campo e redactado o estudio técnico, iniciáronse os traballos, que comezaron polos parques de Cotanexo, en Castro-Mos, e da Porteliña, en Petelos; en ambos casos as obras atópanse xa rematadas. No parque de Cotanexo instalouse unha valla nova e no da Portelina ampliouse o espazo, pintáronse os elementos de xogo e os bancos, acometeuse un novo areeiro, plantáronse árbores, instalouse unha valla nova e adecentouse o contorno do muíño.

No parque de Amieirolongo, Sanguiñeda, procedeuse á substitución do cadro eléctrico de alumeado público e á limpeza do contorno da fonte dos peregrinos. A maiores destes, realizaranse en Amieirolongo algúns labores de mellora máis.

Actualmente estase a traballar en San Eleuterio, parroquia de Tameiga, onde se instalarán diversos elementos biosaudables e se levará a cabo a prantación de árbores. A continuación, a seguinte parada deste proxecto de mellora de parques será o de Torroso, onde se acometerá un valado novo e unha zona de elementos biosaudables, ademais de prantar árbores. As obras en ambos parques, tanto o de San Eleuterio coma o de Torroso, estímase que estarán rematadas a finais do presente mes de xullo.

Tamén se está a construír agora un novo parque en Inxertado, parroquia de Louredo, xunto á pista polideportiva; onde xa se colocou o peche perimetral en pedra e próximamente iniciarase a instalación dos elementos infantís de xogo.

Seguidamente melloranse os parques de Puxeiros (Tameiga), Arrufana (Louredo), Plantel (Guizán) e Pesqueira (Mos). En Puxeiros prantarase un seto vexetal para evitar correntes de aire no parque infantil, en Arrufana vaise substituír todo o peche, prantaranse árbores, instalarase novo mobiliario e repararase a pista deteriorada pola choiva; no Plantel construirase un muro de contención e unha soleira de formigón, e instalarase solo de caucho na zona de xogos; por último, na Pesqueira colocarase mobiliario e prantaranse árbores. A maiores realizaranse algunhas melloras máis noutros parques.

Sobre este plan integral de parques a rexedora local mosense destacou a “importancia do mesmo por existir en Mos un total de 1.479 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que merecen poder desfrutar ó aire libre do seu tempo de lecer, sobre todo agora nos meses de verán que a climatoloxía o permite, e nunhas instalacións óptimas e da mellor calidade”.

23 de xullo de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.