publicidade hoxe

Mos, Fornelos de Montes, Mondariz Balnerario, Ponteareas e Salceda acometerán un proxecto de mellora da eficiencia enerxética

Esta mañá celebrouse o acto de sinatura do convenio de colaboración entre os cinco Concellos de Mos, Fornelos de Montes, Mondariz Balnerario, Ponteareas e Salceda de Caselas polo cal procederase á renovación das instalacións de iluminación pública existentes nos devanditos municipios e que será posible gracias á subvención para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia (ILE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013 (DOGA nº 18 de 20 de xaneiro de 2014).

A sinatura realizouse no salón de sesións da Casa Consistorial mosense contando durante a mesma coa presencia de Pablo Casal, Xerente do INEGA, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Luis Alonso, concelleiro de Alumeado mosense, Salvador González Solla, alcalde de Ponteareas, Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas e José Antonio Lorenzo, alcalde de Mondariz Balneario. O secretario municipal do Concello de Mos deu fe das rúbricas dos catro alcaldes.

Durante o acto explicouse que o uso racional das enerxías e o aforro mínimo do 50% no gasto de alumeado público son só algúns dos beneficios que reportará o proxecto a acometer gracias á concesión desta axuda.

Os concellos de Mos, Fornelos de Montes, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salceda de Caselas asinaron hoxe un convenio de colaboración polo cal aceptan a subvención para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior.

Dita subvención foi convocada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013 e concedida a esta agrupación de cinco concellos encabezados e representados polo de Mos.

Os beneficios de facer efectiva a agrupación dos cinco concellos para esta xestión foron que para a asociación de municipios incrementábase a contía máxima da subvención a conceder e aumentaba tamén a puntuación á hora de optar á mencionada subvención.

A contía total da axuda solicitada para os seis concellos ascende a 200.222,59 euros, sendo 30.986,65 euros para o de Mos, 49.235,94 euros para Fornelos de Montes, 20.000 euros para Mondariz Balneario, 40.000 euros para Ponteareas e 60.000 euros para Salceda de Caselas. No caso de Mos, o proxecto que se acometerá cos 31.000 euros correspondentes será de aforro enerxético no alumeado público da Avenida de Sanguiñeda.

A contratación para a obra de execución de cada proxecto farase dende cada un dos concellos de xeito individualizado.

O principal obxectivo do emprendemento deste proxecto común de cinco localidades veciñas é colaborar na xestión compartida da mellora da eficiencia enerxética e iluminación pública mediante a renovación das instalacións existentes baseadas en tecnoloxías obsoletas por outras actuais e máis eficientes aplicando criterios de aforro. Coa inversión total da subvención (algo máis de 200.000 euros), nun ano acadarase un aforro de 46.556,27 euros que implicará a amortización do invertido inicialmente en menos de seis anos.

Ademais, mediante esta agrupación de concellos conséguese tamén a uniformidade de luminarias, soportes, cadros e sistemas de control que proporcionarán un considerable aforro en compras e instalación. Así mesmo as tarefas de mantemento e explotación optimizaranse, e poderanse realizar negociacións máis ventaxosas no que se refire a mellores prezos do Kw contratado. A agrupación de concellos permite tamén traballar con parámetros lumínicos uniformes evitandos os indesexables contrastes de intensidades luminosas e uniformidades, de xeito que se acaden mínimos de potencia ofrecendo niveis confortables e se consigan aforros enerxéticos significativos da orde do 50% o incluso máis.

As instalacións subvencionables mediante esta axuda son sistemas de iluminación viaria funcional e ambiental que deberán cumprir certos requisitos técnicos tales coma: sistema de acendido por reloxo astronómico, lámpadas cun rendemento lumínico mínimo de 65 lm/W, luminarias pechadas con aloxamento de equipamento, sistema de dobre nivel, cumprir co Real decreto 1890/2008 e acadar unha cualificación enerxética A ou B.

Pablo Casal, xerente do INEGA, declaraba esta mañá durante o acto de sinatura que “un dos gastos máis elevados dos concellos é o do alumeado público, polo que coa concesión de axudas coma estas o que pretendemos é facilitarlles ás administracións locais que axusten o seu capítulo de gastos ó tempo que melloran o servizo prestado ós veciños en materia de iluminación exterior pública” e referíase tamén ó cumprimento da normativa estatal e comunitaria en aforro e eficiencia enerxética e medioambiental que implica a renovación das instalacións de iluminación pública exterior por tecnoloxías máis modernas e eficientes. Pola súa banda a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, agradeceulle ós alcaldes veciños a confianza depositada en Mos como Concello de cabeceira para levar adiante este proxecto e acadar a subvención hoxe asinada. Salvador González Solla, alcalde de Ponteareas, refrendaba as declaracións do xerente do INEGA asegurando que, certamente, un dos gastos municipais máis elevados é o de alumeado e agradecía así mesmo, neste sentido, ó Instituto Enerxético de Galicia a concesión desta axuda, así como lles trasladaba ós seus compañeiros rexedores locais a súa vontade de continuar nesta liña de colaboración en proxectos futuros.

O alcalde de Salceda, Marcos Besada, explicaba que “a unión fai a forza, como demostra a concesión desta subvención a esta agrupación de concellos” e manifestou os seus desexos de que “este proxecto teña unha moi importante incidencia de aforro, así coma medioambiental para todos os concellos conveniados, cos que é un pracer estar a compartir este proxecto”, dixo. Non cabe dúbida da importancia de unir e sumar forzas para acadar obxectivos e así o aseguraba tamén esta mañá José Antonio Lorenzo, alcalde de Mondariz Balneario, quen declarou que “é vital estar unidos os alcaldes, non só para este proxecto actual senón para moitas outras iniciativas futuras que sirvan para mellorar a nosa comarca e toda Galicia”.

31 de xullo de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.