Montealegre acollerá obradoiros sobre compostaxe, semilleiros e conservas, e unha mostra sobre os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Montealegre continuará plantexando á cidadanía diversas propostas medioambientais durante o mes de xullo. Tralos obradoiros de agricultura ecolóxica, o día internacional das aves, o día das Letras Galegas, o día da diversidade biolóxica, San Xoán, e actividades doutras concellerías como o concerto de María do Ceo e a clausura de actividades de saúde para escolares, no mes de xullo se organizarán tres obradoiros e unha exposición permanente.

A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, presentou esta mañá no Salón de Plenos a programación, acompañada dos técnicos responsables de desenvolver cada unha das actividades. A concelleira fixo balance das visitas ao parque nos últimos tres meses, cunha afluencia dunhas 1.400 persoas por mes, entre abril e xuño. Agradeceu ás empresas que colaboran desinteresadamente na organización de actividades, e ás persoas que día a día manteñen o parque nun bo estado.

Os obradoiros ofrecidos, todos gratuítos, serán os seguintes:

– Obradoiro de Compostaxe, o día 10 de xullo ás 19 horas (impartido pola Asociación Ambiental Syme), no que se dará explicación aos participantes sobre xestión de residuos orgánicos

– Obradoiro de Semilleiros, o día 17 de xullo ás 17 horas (impartido por Bruma), no que se explicará como sementar as verduras, e como preparalas

– Obradoiro de conservas, o día 23 de xullo ás 17 horas (impartido por Bruma), no que se explicará como facer conservas de verdura.

Exposición sobre incendios forestais

Así mesmo, desde o día 10 de xullo e durante todo o mes, instalarase unha exposición permanente cedida pola asociación Amigos da Terra, sobre a problemática dos incendios forestais. “Non queimes o futuro”, explicará mediante paneis e materiais relacionados co monte, como prevenir os incendios forestais. A exposición poderá visitarse no horario habitual do parque -de martes a venres de 9 a 21 h e fins de semana e festivos de 10 a 21 h-.

7 de xullo de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.