Monforte homenaxea a gastronomía e artesanía con ovos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Esta fin de semana celébrase en Monforte o mercado mundo ovo, xa que nesta cidade prodúcense, desde hai máis dunha década, ovos de moi diversas aves, algo que moitos non saben e que o mercado pretende dar a coñecer.

Ramón Vázquez e Mari Carmen Álvarez, son dous monfortinos que rexentan a granxa Euro Avestruz, un lugar no que se crían pitas de Mos, pitas Piñeira, pavos, patos, ocas, pitas Araucanam, pitas Maráns, Emús, Ñandús e, por suposto, avestruces.

Estes ovos son comercializados e consumidos en toda España, sobre todo en restaurantes de luxo ou especializados.

É unha singular granxa, que pode ser visitada e que en varias ocasións ten participado en feiras medievais, feiras agrarias e de mostras, por toda a xeografía peninsular. Nesta ocasión faráo na súa propia cidade.

Mercados de Monforte pretende achegar esta faceta descoñecida da cidade a monfortinos e visitantes, xa que cada día son máis os que apostan pola cría de distintas aves, en especial pitas de Mos e de Piñeira ou patos e ocas.

Euro Avestruz estará acompañado de dous locais de hostalería monfortinos, CELLER e PLAZA, que nos ofrecerán a oportunidade de degustar distintos pratos feitos con ovo. Asemade, tamén se poderán ver e mercar traballos en artesanía feitos con cáscara de ovo.

17 de xullo de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.