“Mergúllate no océano” convertirá Vilagarcía en laboratorio de investigación mariña
“Mergúllate no Océano”, unha acción de divulgación científica promovida polo Campus do Mar, desembarcará na praia de Compostela os vindeiros días 26 e 27 de xullo para achegar as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e concienciar sobre a importancia que para o progreso da humanidade teñen o coñecemento e a conservación dos océanos. Durante os dous días nos que “Mergúllate no Océano” estará no areal arousán, os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos. Esta proposta divulgativa para todas as idades está promovida polo Campus de Excelencia Internacional -Campus do Mar co apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa e o financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
“Mergúllate no Océano” concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de sete obradoiros, os visitantes poderán descubrir, por exemplo, de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas, que hai nunha pinga de auga de mar, os impactos que ten a acidificación dos océanos derivada das emisións de CO2, ou a importancia que teñen as dunas nos ecosistemas. Os monitores, expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade plantexándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, podan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.
Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a ecoloxía, a bioloxía mariña, a oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeño agasallo á saída.
Os obradoiros de “Mergúllate no Océano” estarán abertos ininterrumpidamente o sábado e o domingo entre as 11 e as 20:30 horas, con entrada libre para todos os interesados en aumentar o seu coñecemento sobre o medio mariño e pasar un bo rato aprendendo.
Vilagarcía constitúe a segunda parada desta acción que durante os meses de xullo e agosto percorrerá diferentes vilas galegas como Vigo, onde está instalado esta fin de semana, Camariñas, Viveiro e Cangas do Morrazo, dentro do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 25 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña.











