“Mergúllate no Océano” converte a praia de Compostela en laboratorio de investigación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

“Mergúllate no Océano”, unha acción de divulgación científica promovida polo Campus do Mar, da Universidade de Vigo, ofrecerá multitude de actividades de divulgación científica na praia de Compostela, este sábado e domingo, a partir das once da mañá. O laboratorio ten por obxecto achegar as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e concienciar sobre a importancia que para o progreso da humanidade teñen o coñecemento e a conservación dos océanos. Así, durante esta fin de semana os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos.

“Mergúllate no Océano” concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de sete obradoiros, os visitantes poderán descubrir, por exemplo, de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas, que hai nunha pinga de auga de mar, os impactos que ten a acidificación dos océanos derivada das emisións de CO2, ou a importancia que teñen as dunas nos ecosistemas. Os monitores, expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade plantexándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, podan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.

Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a ecoloxía, a bioloxía mariña, a oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída.

25 de xullo de 2014 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.