publicidade hoxe

Medio Rural e Mar destina máis da metade do seu orzamento a dinamizar a economía do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRiós
A-
A+
Rosa Quintana na visita a Riós

Rosa Quintana na visita a Riós

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina o 52,9% do seu orzamento, é dicir 307,9 millóns de euros, a dinamizar a economía do medio rural. Así o sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, esta mañá durante unha visita ao concello de Riós onde mantivo unha xuntanza co alcalde, Francisco Armando Veiga, cos produtores de leite, mel, carne e con representantes do sector da castaña da zona. Esta visita, explicou a conselleira, súmase á realizada hai uns días a Lobios e forma parte dun acercamento cos sectores produtivos para analizar os problemas do rural e buscar entre todos as mellores solucións, xa que, dixo, “a mellor forma de acertar é escoitar ao sector”.

Durante o encontro no que se abordaron diferentes temas relacionados coa dinamización do medio rural, a conselleira sinalou que a segunda gran función das contas da Consellería do Medio Rural e do Mar é a destinada á actuacións e valorización no medio rural, contía que medra nun 7,6%. Estas cifras, explicou, “constatan o compromiso da Xunta co rural cara ao futuro”. Neste sentido, incidiu que é de vital importancia a incorporación de mozos ás actividades agrarias, pois, sinalou, o impulso debe chegar das novas xeracións. Por iso no 2014 a partida dedicada a esta finalidade ascende a 12,7 millóns de euros, un 45% con respecto ao 2013.

Ademais, lembrou, Rosa Quintana, a aposta pola modernización e diversificación do tecido produtivo rural, contou no presente orzamento con 79,7 millóns de euros e a implantación de sistemas produtivos agrarios sustentables, 8,6 millóns de euros. Por outra banda, a partida de axudas para a industrialización e comercialización dos produtos agroalimentarios é de 19,7 millóns de euros.

Plantación de castiñeiros

No eido forestal salientou o esforzo da Consellería do Medio Rural e do Mar destinado a reforestar e evitar o decaemento produtivo do monte, unha tarefa á que destina 10 millóns de euros. No caso de Riós destacou o seu potencial na plantación de castiñeiros e lembrou que o ano pasado Medio Rural e Mar destinou máis de 5 millóns de euros a este fin.

A conselleira explicou que houbo xente da zona que non se puido beneficiar destas axudas porque a superficie que se esixía non se axustaba ao territorio desta zona. Tras ser conscientes desta situación esta esixencia modificouse, subliñou a conselleira.

Política Agraria Común

En relación á nova Política Agraria Común, Rosa Quintana, lembrou que para os próximos 7 anos Galicia mantén o nivel da PAC 2007-2013 e contará con arredor de 2.380 millóns de euros de axudas, o que se corresponde con 340 millóns de euros anuais en axudas para o medio rural galego. En relación ao sector lácteo, destacou, experimentamos un incremento do 63% ao pasar de 57 millóns de euros anuais do período anterior aos 94 millóns de euros anuais na nova PAC.

No caso dos fondos asignados ao desenvolvemento rural, Rosa Quintana lembrou que neste período medran un 4% pasando dos 856 millóns de euros do período finalizado aos 890 millóns de euros para o período 2014-2020. Ademais, neste contexto, Galicia reduce a aportación de Fondos Propios respecto a outras comunidades autónomas. Aportará o 17,5%.

14 de xullo de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.