publicidade hoxe

Medio cento de veciños de Forzáns visitan Toledo, Madrid, Aranxuez e Segovia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Unha das visitas do grupo

Unha das visitas do grupo

Medio centenar de veciños de Forzáns (Ponte Caldelas), socios da Asociación Cultural O Torreiro visitaron as cidades de Toledo, Madrid, Aranxuez e Segovia dentro dos habituais periplos lúdico-culturais que organiza esta entidade para os seus asociados.

A excursión, que se desenvolveu os días 25, 26 e 27 de xullo, serviu para coñecer a capital de España a través dunha visita panorámica polos principais lugares da cidade, con parada obrigada no Santiago Bernabeu para que os seguidores do Real Madrid puidesen inmortalizar o momento doce que atravesan coa conquista da décima Copa de Europa.

Os veciños de Forzáns elixiron Toledo como base de operacións para os seus distintos desprazamentos culturais pola zona, en especial a Aranxuez onde admiraron a gran cantidade de estancias que conforman o Palacio Real.

En Toledo, os participantes nesta viaxe, puideron coñecer, da man dunha guía local, as marabillas arquitectónicas da cidade, crisol de culturas cristiá, xudía e musulmá. Tamén coincidiu esta excursión coa conmemoración do 400 aniversario do falecemento do insigne pintor O Greco, moi ligado a Toledo.

A viaxe de volta tivo como epicentro unha visita a Segovia, para admirar a capacidade construtiva dos romanos, e o Valle de los Caídos onde puideron admirar a grandiosidade monumental do complexo fúnebre.

Durante todo o traxecto o bo humor e a animación musical a cargo do grupo de cantareiras da Asociación acompañaron aos excursionistas até o seu regreso a Forzáns.

28 de xullo de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.