publicidade hoxe

Máis de oitenta veciños de Lousame ateigan a presentación do libro de Xerardo AgraFoxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Presentación do libro de Xerardo AgraFoxo

Presentación do libro de Xerardo AgraFoxo

Máis de oitenta veciños e veciñas de Lousame ateigaron onte á noite o centro social “Pepa de Vicente” de Aldeagrande (Lousame) para asistiren á presentación da novela “A maleta de Victoria Kent”, de Xerardo AgraFoxo. O escritor noiés estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen destacou “o valor simbólico de que esta presentación teña lugar no centro social que leva o nome de Pepa de Vicente, xa que era a filla de Xosé Romero Tubío “O Pombeiro”, en cuxos últimos días de vida está inspirada esta novela”. De feito, fillos de Pepa de Vicente, falecida recentemente, tamén estiveron presentes na presentación desta novela inspirada no seu avó.

Tras unha breve actuación de Daniel Alborés, guitarrista de Lousame, AgraFoxo foi presentado por Maite Sobradelo Creo, licenciada en Xeografía e antiga alumna súa. Sobradelo destacou que “A maleta de Victoria Kent” é “produto dunha investigación histórica do autor aunado coa literatura, pois converte en novela os últimos días da vida dun coñecido sindicalista e anarquista da comarca”. Así mesmo, destacou a vinculación de AgraFoxo coa comarca pois “ten realizado investigación histórica de case que todas as épocas, pero sempre vencelladas con Lousame e con Noia”.

Xerardo Agrafoxo

Pola súa banda, Xerardo AgraFoxo explicou que esta novela é froita dunha investigación sobre unha época na que se coñecía que había mortos, pero dos que non se coñecían as súas historias. Así mesmo, destacou que a historia de “O Pombeiro”, Liberto na novela, foi a que máis lle chamou a atención pois o primeiro presidente do Sindicato Agrario de Oficios Varios de Cruído (Lousame) foi asasinado o 16 de setembro de 1936 no primeiro “paseo” realizado polos falanxistas de Noia e Lousame. Ademais, dáse a circunstancia de que os feitos dos que o acusaban tiveron lugar despois da súa morte.

Así pois, a cuarta novela de Xerardo AgraFoxo está inspirada nos últimos días da vida de este sindicalista, dende o Golpe de Estado ata a súa morte, incluíndo o seu apoio aos mineiros de San Finx que se desprazaron ata Santiago e ata A Coruña para manifestarse contra o alzamento. Daniel Alborés foi o encargado de pechar o acto, aproximadamente unha hora despois do seu inicio.

Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) é profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e leva escritos máis de vinte libros de investigación histórica, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia, así como o libro Memorias do franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás) (2002). No ano 2006, seguindo coa súa tarefa de historiar a vida do seu concello, publicou os volumes Crónicas dunha democracia (A transición política en Noia. Os dous mandatos de Díaz Fornas) e A revolta nacionalista (A Noia de Pastor Alonso. O goberno de Bieito González). Dous libros que tiveron continuación cando saíu, en 2008, o derradeiro volume desta triloxía: Noia no cambio de século.

No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño e María Mariño: retrato dunha vida. Como narrador, no ano 2003 deu ao prelo o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e a arte universal escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real. No ano 2004, obtivo o Premio García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T e posteriormente vería a luz O violinista de Malá Strana (2008), tamén do xénero novelesco.

28 de xullo de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.