Máis de medio centenar de cativosparticipan nos obradoiros de verán do Horto Infantil Ecolóxico
Un total de 51 nenos e nenas participan dende o luns 30 de xuño nos catro obradoiros que oferta o Horto Infantil Ecolóxico até o 14 de agosto e que pretenden “romper as barreiras que hai entre o núcleo urbano e o medio natural” e facer do recinto situado na rúa Nardos da capital municipal “un espazo con encanto para que os nenos e nenas se fixen no medio rural e na economía tradicional”, e que incluso cheguen a ter en conta o agro “como alternativa de futuro” e sexan conscientes da necesidade de “protexer o medio natural”. Así o expresou o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, durante a presentación das actividades de verán que van introducindo pouco a pouco novidades respecto dos primeiros obradoiros do Horto Infantil para manter a atención dos cativos e cativas. Así, e dentro do obradoiro “O cole de herba: regando o futuro”, dirixido a rapaces e rapazas de Primaria, estase poñendo en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia grazas ao uso de alpacas, neste caso feitas de palla de trigo.
Así, e mediante un regado intenso e o emprego de fertilizantes orgánicos -incluída borralla das cachelas de San Xoán- nun programa de 12 días, será posible a partir do venres 4 de xullo comezar a plantar alimentos e producir leitugas ou xudías sementadas dentro da propia alpaca (na imaxe). José Márquez, un dos monitores do obradoiro, explica que sacaron a idea da Rede, e pensaron que este sistema sería moi axeitado para traballar cos cativos e cativas e sementar alimentos dunha forma totalmente natural. Así poderán ver o proceso de cultivo dunha forma moi diferente. Xosé Regueira quixo subliñar que se trata dunha “auténtica novidade” en Galicia, e dunha maneira de observar como un elemento bastante cotián, como son as alpacas, pode transformarse nunha fonte de alimento.
Pero non é o único obradoiro que está dispoñible no Horto Infantil, xa que, tamén para rapaces e rapazas de Primaria estase desenvolvendo un de “Introdución á Horta sinérxica”, no que se afonda nas posibilidades da combinación de cultivos simbióticos que se complementan e contribúen ao seu mellor desenvolvemento, como no caso tradicional do millo e as fabas. Para os cativos e cativas de Infantil repiten o obradoiro de “Xardín Ornamental” e o de “A nosa horta”, con actividades lúdicas para conseguir que os nenos e nenas aprendan sobre plantas, realicen unha organización autónoma do traballo, aprendan sobre alimentación saudable e consumo responsable e desenvolvan xogos de psicomotricidade.
Os obradoiros, todos impartidos polo Concello de Carballo de forma gratuíta, complementan as súas temáticas para facilitar a aprendizaxe dos participantes. Ademais, ao longo do verán está previsto que os nenos e nenas das Escolas de Verán de Balonmán Xiria, divididos en catro grupos, asistan dúas veces á semana ao Horto Infantil para acondicionar o seu propio espazo e contar cos seus propios cultivos. Respecto dos horarios dos catro obradoiros do Concello, son os seguintes, aínda que hai que subliñar que aínda quedan dúas prazas libres para os obradoiros de Infantil:
– “A nosa horta”: Educación Infantil. Horario: luns e xoves en dúas quendas, unha de 10.30 a 12.00 horas e outra de 12.00 a 13.30 horas.
– “O cole de herba: regando o futuro”: Primaria. Horario: martes e venres en dúas quendas, unha de 10.30 a 12.00 horas e outra de 12.00 a 13.30 horas.
– “Xardín Ornamental”: Educación Infantil. Horario: os mércores en dúas quendas, unha de 10.30 a 12.00 horas e outra de 12.00 a 13.30 horas.
– “Introdución á Horta sinérxica”: Primaria. Horario: os mércores en dúas quendas, unha de 10.30 a 12.00 horas e outra de 12.00 a 13.30 horas.











