publicidade hoxe

Máis de 600 mozos disfrutarán este verán do albergue das Sinas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Ovidio Roderio na visita ao albergue das Sinas

Ovidio Roderio na visita ao albergue das Sinas

Un total de 600 mozos e mozas de entre 13 e 17 anos participarán ao longo deste verán nas actividades do albergue das Sinas en Vilanova de Arousa, que se inscriben no marco da ‘Campaña de Verán’ que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe este campamento especializado en deportes náuticos. Nesta primeira quenda, As Sinas acolle a 120 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos, que desenvolven un campamento onde hai actividades de vela, táboa, piragüismo, kaiak-polo e unha aula de natureza mariña para descubrir a importancia do mar e da preservación dos seus recursos naturais.

O director xeral recordou que o luns 7 de abril o Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio da licitación das obras de mantemento, conservación, reforma e reparación do albergue, cun orzamento de máis de 300.000 euros. Ditas obras comezarán en setembro, unha vez rematada a ‘Campaña de Verán’, e durarán catro meses.

O proxecto contempla, entre outras actuacións, a renovación da pista deportiva, a reparación da estrutura e o cambio de cuberta de pañol, a renovación da instalación eléctrica, a mellora do illamento térmico das cubertas ou a adaptación dos baños á normativa de accesibilidade.

Campaña de Verán

En toda Galicia participarán na ‘Campaña de Verán’ 8.268 mozos e mozas, un 2,7% máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

10 de xullo de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.