Máis de 300 escolares participan nas actividades de verán nos centros cívicos de Ourense
Máis de trescientos escolares de Educación Infantil e Primaria de Ourense participarán no programa de actividades de verán que organiza o Concello na rede de centros cívicos municipais. Trátase dunha proposta para o tempo de lecer que pretender proporcionar aos máis cativos alternativas lúdicas para as sús vacacións de verán, ao tempo que axudar ás familias ourensás a conciliar a súa vida familiar e laboral durante estas datas.
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Benestar Social, Marga Martín visitaron esta mañá o inicio das actividades no Centro Cívico do barrio da Ponte, o barrio onde hai o maior número de participantes, 50 nenos e nenas, divididas en 2 grupos de 25 cada un.
As actividades realízanse tamén nos Centros Cívicos do Casco Vello-rúa Colón, A Cuña, As Termas e Seixalbo durante os meses de xullo e agosto de 2014, de luns a venres en horario de 10:30 a 13:00 horas. Están programadas por quincenas. A primeira delas comeza hoxe, martes, día 1, e rematará o martes, 15 de xullo. Nela participan un total de 160 nenas e nenos (35 en Colón 25 en A Cuña, 25 na Termas e 25 en Seixalbo). A segunda quincena será do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto, e a cuarta será do 18 ao 29 de agosto. Ao longo das 4 quincenas do verán participarán máis de 300 escolares diferentes neste programa de actividades.
Os nenos e nenas participantes asistirán a actividades de carácter lúdico que inclúen: manualidades, contacontos, bailes, xogos, etc., que buscan que os/as nenos/as se entreteñan e divirtan.
As quincenas terán un caracter temático e estarán adicadas a materias como a reciclaxe, a maxia, os deportes ou os países do mundo, dependendo do centro cívico.











