Máis de 150 parellas galegas competirán no I Torneo Ipadel Aemos
A Asociación de Empresarios de Mos e o Club Ipadel puxeron en marcha unha iniciativa conxunta co obxectivo de promover a actividade física e deportiva. O presidente de AEMOS, José Mañas, e o xerente de Ipadel, Manuel Rivera, presentaban esta mañá nas instalacións do club, situadas no polígono industrial da Portela (Puxeiros-Mos), esta competición que prevé reunir entre 150 e 200 parellas chegadas de toda a xeografía galega. Mañas explicou que a función de AEMOS neste sentido centrouse “en agrupar aos colaboradores para o desenvolvemento do torneo, apostando por iniciativas como estas que supoñen un valor a aplicar no día a día das nosas empresas, pois a práctica deportiva do pádel desenvolve tanto calidades físicas como psíquicas, trátase dun deporte social e ao que se pode xogar a calquera idade”, por iso, Mañas animaba a todos os presentes, socios de AEMOS e non socios, a participar desta iniciativa, “porque a práctica de deporte e o exercicio físico é positivo para todos”, remarcaba.
Fernando Arteaga e Ángel Toucedo, xuíz árbitro e organizador do torneo respectivamente, tamén asistiron ao acto de presentación no que se obsequiou aos presentes coa camiseta oficial, deseñada exclusivamente con tal motivo. Arteaga explicou o desenvolvemento da competición remarcando que está dirixida tanto a persoas con experiencia como a aquelas que se queren iniciar no pádel. Desta maneira, haberá tres categorías: masculina, feminina e mixta, dentro das cales haberá á súa vez diferentes niveis, desde iniciación a profesional. O campionato, ao que xa auguraron próximas edicións, celebrarase do 19 ao 27 de xullo, e o sistema de xogos será por eliminatorias chegando ás finais o último día. O prazo para inscribirse finaliza este xoves, día 17, para o que poden obter unha maior información escribindo un correo electrónico á dirección info@clubipadel.com ou chamando ao teléfono 986 49 88 26.
O maior club de pádel de Galicia
De recente creación, as instalacións do Club Ipadel componse de 11 pistas panorámicas indoor, de alta calidade e prestacións, para a práctica desta modalidade deportiva de gran proliferación nos últimos anos. O campionato celebrarase en horario de 19.00 a 22.00 horas de luns a venres e de 09.00 a 23.00 horas os fins de semana. Serán noves días de torneo no que tanto asociados de AEMOS como calquera outra persoa interesada poderá participar nunha actividade física e deportiva de alto valor, apoiada na cultura da cooperación, o esforzo e a proactividade, principios todos eles aplicables aos diferentes ámbitos da vida persoal e profesional, sen descoidar o fomento da vida saudable e a cohesión social.











