publicidade hoxe

Máis de 145 nenos participan no comezo das actividades de verán de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

As actividades de verán do Concello de Soutomaior arrincaron hoxe coa participación de máis de 145 nenos e nenas. Nunha xornada manchada pola choiva, a organización viuse obrigada a trasladar as actividades da Carballeira do Peirao ao edificio Multiusos de Arcade, o que non impediu que os pequenos gozasen dun intre divertido entre novos amigos.

As actividades de verán arrincaban hoxe coa participación dos grupos “A” e “B”. Ao tratarse dos grupos de menor idade, nenos e nenas de entre tres e sete anos, foron inevitables os clásicos choros e os abrazos interminables cos seus pais. Un medo que pronto esquecerían. Para que todos fosen coñecéndose, os monitores empezaron repartindo uns cartóns co nome de cada neno. Despois, e aínda que hoxe por desgraza non fose necesaria, os pequenos recibiron de agasallo unha gorra do Concello de Soutomaior que lles acompañará durante todas as actividades.

Chegado o momento dos xogos, o sol lucía novamente polo que os pequenos trasladáronse ao exterior do multiusos, onde lles esperaba un gran paracaídas de cores co que xogaron a esconderse e a coar a pelota polo buraco central entre todos. Pouco despois, e sen que se desen conta, os seus pais xa os esperaban para recollelos, esta vez con risas en lugar de choros.

Os xogos continuaron pola tarde coa participación dos 65 membros do grupo “C”, de entre 8 e 10 anos. “Estes xa son máis maiores e a maioría xa participaron en anos anteriores polo que non necesitan cartóns” afirmou Silvia, unha das monitoras, “Así teñen máis tempo para xogar”.

O delegado de deportes, Francisco Igrexas, visitou a xornada e expresou a súa satisfacción polo éxito de organización que permitiu que a pesar da choiva ningún neno perdésese os xogos. “Si por choiva, ou o que poida xurdir, a actividade cámbiase de lugar sempre hai monitores esperando para avisar aos pais”.

1 de xullo de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.