Máis de 10.000 cativos participan nas actividades organizadas na chaira do Parrote

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, a través das áreas de Cultura e Turismo, informa de que máis de 12.000 nenas e nenos participaron, durante o fin de semana, nas actividades organizadas na chaira do Parrote e, tamén, nos actos de conmemoración do V Aniversario da Torre de Hércules.

Así, O Parrote converteu os seus 23.000 metros cadrados nun espazo de xogo, maxia, teatro, cine, música e diversión para os máis pequenos; cumprindo cunha das prioridades do Goberno municipal e aproveitando un emprazamento único da cidade que ofrece infinidade de posibilidades, conta cun potencial extraordinario e devolve aos veciños un espazo público de gran valor.

A proposta incluía microcine, microteatro e micromagia; danza, equilibrios e contorsión da man de Shakti Olaizola con Irrakurriz; maxia, con Charli Mag; ou a colocación de dúas grandes instalacións de xogos para nenos a partir de 4 anos (Cores de monstro, da compañía Tombs Creaticus); e para nenos até os 4 anos (Apicirc, da compañía Pessic de Circ). Ademais, por primeira vez, a programación infantil en rúa ofreceu actividades dirixidas a todos os nenos, incluídos o período de idade que vai desde os 0 aos 3 anos, obtendo unha gran resposta de público. De feito, máis de 5.000 nenos e nenas, gozaron cada día das actividades.

Doutra banda, os máis pequenos tamén foron os protagonistas na celebración do V Aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. En concreto, 2.000 menores participaron nos xogos infantís e nos sete talleres que se organizaron na contorna do monumento.

1 de xullo de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.