publicidade hoxe

Máis de 1.200 mozos do Barbanza participarán na campaña de verán de Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroPorto do SonXuventude
A-
A+

Un total de 1.220 mozos e mozas de entre 10 e 17 anos participan este ano na Campaña de Verán que a Consellería de Traballo e Benestar organiza nas súas instalacións da comarca do Barbanza, os campamentos xuvenís A Espiñeira de Boiro e Virxe de Loreto de Porto do Son. En total, ao longo deste verán pasarán polo campamento da Espiñeira 500 mozos e polo de Virxe do Loreto outros 720.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes nas actividades que se levan a cabo nestas instalacións. En Boiro están aloxados cen mozos e mozas de entre 10 e 12 anos de idade, que desenvolven un campamento de temática relacionada co teatro, a expresión corporal e o circo.

No campamento do Son están a participar 120 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos na actividade “Natureza xunto ao mar”, cun programa baseado nos deportes náuticos. Os mozos e mozas poden asistir a clases de kaiak, de paddle surf, de iniciación á escalada e nunha aula de bioloxía mariña.

Ovidio Rodeiro tamén recordou que a administración autonómica realizou entre finais de 2013 e principios de 2014 un investimento no campamento do Son para a instalación de paneis solares térmicos para reducir o consumo enerxético, en melloras nos módulos de habitabilidade, nos baños e no peche do recinto.

Estes dous campamentos forman parte da Campaña de Verán 2014 da Consellería de Traballo e Benestar. No total galego, en toda a campaña de verán participarán 8.268 mozos e mozas, un 2,7 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 35 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste preto de 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

3 de xullo de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.