“Machichaco” e “Argallán” vencen a XXVII Regata Illas Sisargas
O pasado fin de semana celebrouse a XXVII REGATA ILLAS SISARGAS – X MEMORIAL PUCHO BERMÚDEZ DE CASTRO para a clase Cruceiro, organizado polo Real Club Náutico da Coruña.
Na xornada do sábado a proba Coruña – Malpica comezaba puntualmente, aínda que non exenta de complicacións, xa que durante a pre-saída o “Salao” de David Rivero tíñase que retirar debido á lesión dun dos seus tripulantes cando realizaban unha trasluchada e encaraban a liña de saída. As condicións non eran as máis idóneas para unha proba destas características, con ventos do suroeste moi racheado que nalgúns momentos excedía os 25 nós, unha fina choiva e un mar de fondo que dificultaban a navegación en cinguida cara a Malpica.
Esta primeira proba do sábado navegouse de forma “inversa”, é dicir, cada barco ten a súa hora de saída, sendo os últimos en comezar os barcos máis rápidos, debido á compensación de tempos na saída. Desta forma a emoción é máxima para todas as tripulacións, os barcos máis pequenos ven que se lles botan encima os de maior eslora, e os máis rápidos afinando ao máximo para dar alcance ao resto da flota. Ao final, o primeiro en cruzar a liña de chegada en Malpica foi o “Gómez” de Andrés Soto, por diante do “Machichaco II” do José A. Quintero e da “Losqueada” de Francisco Edreira, mentres que na clase 3-4, o vencedor foi o “Golafre” de Benito Calvo, por diante do “Argallán” de Domingo Plana e do “Patacón” de José Ubago.
Tras a proba Coruña – Malpica, celebrouse a tradicional “sardiñada”, na que a localidade de Malpica agasalla a todos os regatistas e participantes, finalizando coa entrega de premios aos vencedores.
Na xornada do domingo, as condicións foron radicalmente distintas ao sábado, con ventos frouxos do noroeste – norte e ceo despexado. Con puntualidade ás 12.00 horas dábase a saída en Malpica, coa flota navegando lentamente cara aos baixos de Baldayo, co “Kotablue” de Enrique Vilariño á fronte, sendo o primeiro en completar as 22 millas náuticas en tempo real. Aínda que a vitoria, tras a compensación de tempos, sería para a “Vitoria” de Jesús Pintos por diante do “Kotablue” e do “Machichaco II”. Na clase 3-4, o claro vencedor da etapa foi o “Argallán” de Domingo Plana, 7 minutos por diante do “Zóspiro” de Guillermo Branco e do “Golafre” de Benito Calvo.
Na clasificación xeral final, a clase 0-2 quedaba liderada polo “Machichaco II” de José A. Quintero con 5 puntos (2-3), cun triplo empate polo segundo posto, rompéndose a favor da “Vitoria” de Jesús Pintos con 6 puntos (5-1) en segunda posición, “Gómez” de Andrés Soto con 6 puntos (1-5) en terceira praza e “Kotablue” de Enrique Vilariño con 6 puntos en cuarta posición. En clase 3-4, o vencedor foi o “Argallán” de Domingo Plana con 3 puntos (2-1), en segunda posición o “Golafre” de Benito Calvo con 4 puntos (1-3) e en terceira posición “Zóspiro” de Guillermo Branco con 6 puntos (4-2)











