Lucas Bolo será o novo reforzo de luxo para o Santiago Futsal

Lucas Bolo
Un dos mellores xogadores de Arxentina xogará na LNFS grazas ao Santiago Futsal. O club galego e o xogador Lucas Bolo Alemany chegaron a un acordo para que a estrela de Boca Juniors xogue en Santiago as tres próximas tempadas.
Con tan só 22 anos Lucas Bolo é xa unha peza crave na selección arxentina máis potente dos últimos anos e tamén no seu club, Boca Juniors, actual dominador das competicións nacionais. A súa progresión foi meteórica nos últimos anos chamando a atención de varios clubs europeos. Finalmente o xogador viu no Santiago Futsal o mellor equipo para seguir dando que falar ao adaptarse perfectamente ao seu perfil deportivo e permitirlle xogar nunha liga tan forte como a española. Actualmente o xogador está a disputar o Trofeo Apertura co seu club, o cal a falta de tres xornadas é o máximo favorito. Está previsto que se incorpore co resto do grupo a unha pretemporada que comezará o 4 de agosto.
Santi Valladares define ao xogador como “moi intenso en defensa e con moita calidade de pase e capacidade goleadora. Diego Giustozzi deume unhas referencias inmellorables del e consideramos que está totalmente preparado para xogar nunha liga tan esixente como a española posto que foi un dos mellores xogadores da liga Arxentina esta tempada. Esperemos que o período de adaptación sexa o menor posible para que rinda ao nivel que esperamos canto antes”











