publicidade hoxe

Lousame pon en marcha a súa sede electrónica para achegar a Administración aos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame vén de poñer en marcha a súa sede electrónica, xestionada pola Deputación Provincial da Coruña e accesible tanto dende a web municipal (http://www.concellodelousame.com/) como directamente (https//sedelousame.es). Esta sede electrónica é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, coa importante vantaxe de que estará dispoñible para que os veciños e veciñas de Lousame podan realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “a sede electrónica facilitará o acceso dos cidadáns á Concello, aforrándolles tempo e desprazamentos ao tempo que lles permite saber de inmediato en que estado están os trámites que presenten”. A día de hoxe, a Sede Electrónica do Concello de Lousame ofrece a posibilidade de realizar ata vintetrés tipos de xestións

Solicitudes

En todos os casos, os veciños e veciñas de Lousame disporán dunha completa información sobre o procedemento que solicitan e que inclúe: unha descrición do obxecto da solicitude, especificación de quen pode presentar esa solicitude e unha breve explicación de como e onde facelo, así como unha relación de toda a documentación precisa en cada caso. A partir de aí, o veciño/a de Lousame poderá elixir se descargarse os impresos correspondentes para despois entregalos no Rexistro Xeral do Concello ou iniciar a tramitación online.

Unha tramitación na que a Deputación da Coruña, entidade que xestionar a Sede Electrónica lousamiana, garante en todo momento a identidade, integridade e autenticidade do veciño ou veciña de Lousame a través dos Certificados Electrónicos. Ademais, conta cun rexistro telemático que acredita e certifica estas transaccións de información.

Neste sentido, Villaverde sinala que “moitos cidadáns fan xa todo tipo de operacións a través da Rede, polo que dende a Administración tivemos que poñernos ao día xa que os veciños teñen dereito a poder facer estes trámites a través de Internet”. A partir de agora, a sede electrónica municipal está dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuíta e permanente a través da páxina web do Concello de Lousame (www.concellodelousame.com).

Servizos dispoñibles

A día de hoxe, a sede telemática do Concello de Lousame ofrécelles aos veciños e veciñas do municipio o acceso directo a un total de 23 xestións divididas en dez grupos de actividade. Así, os veciños e veciñas poderán obter comodamente dende as súas casas certificados e volantes de empadroamento, solicitar a inscrición en actividades culturais ou deportivas organizadas polo Concello de Lousame, presentar recursos administrativos, reclamacións, queixas e suxestións.

Ademais, tamén poderán pedir a inscrición en rexistros como o de animais perigosos ou no de unións civís, así como solicitar o servizo de axuda a domicilio ou calquera servizo de carácter social. A nivel urbanístico, poderanse realizar as comunicacións previas de inicio ou modificación de actividade, de obra ou de obra de adecuación de local para actividades, así como solicitar licenza de actividade ou de edificación. En materia de circulación, os veciños tamén poderán solicitar o acondicionamento de camiños e terreos, a colocación de contedores do lixo e de material urbano, ou licenza de instalación de terrazas.

Finalmente, a través da Sede Electrónica os cidadáns tamén poderán inscribirse naquelas convocatorias de persoal que organice o Concello de Lousame, solicitar calquera subvención que convoque o Concello, pedir a devolución de avais, solicitar licenza para tala de árbores ou descargar un modelo de solicitude xeral para calquera outro trámite non contemplado inicialmente. “Trátase de simplificar todos os procedementos administrativos e de facilitarlle aos veciños e veciñas o acceso ao Concello”, resume Teresa Villaverde.

16 de xullo de 2014 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.