Lousame organiza un novo adestramento aberto de kickboxing con Estefanía García

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Concellería de Deportes de Lousame organiza un novo adestramento aberto de kickboxing dirixido por Estefanía García Figueira, subcampioa de España na categoría K-1 e campioa galega de boxeo e kick, que terá lugar o mércores 9 de xullo, ás 21:00 horas, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Como na vez anterior, a exhibición está aberta a calquera veciño ou veciña que desexe probar este deporte ou, simplemente, ver como é unha sesión de adestramento de kickboxing.

O Concello de Lousame decidiu organizar esta segunda exhibición debido ás numerosas peticións recibidas por parte de persoas que non puideron asistir á celebrada o pasado 26 de xullo, na que participaron unha ducia de persoas e outra vintena a seguiu dende o graderío. O Concello de Lousame ten previsto incluír entre a súa oferta deportiva para o próximo curso o kickboxing, un deporte que “para nada é violento. Moita xente pensa que, como é un deporte de contacto, só é para persoas agresivas e nada máis lonxe da realidade”, explica Estefanía García, quen apunta que “o kickboxing é un deporte moi completo, no que se traballa toda a musculatura do corpo e co que te podes poñer en moi boa forma. Ademais, psicoloxicamente é moi bo para desestresarse e eliminar malos rollos”.

4 de xullo de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.