publicidade hoxe

Lousame investirá 4.000 euros en bolsas de transporte para alumnos universitarios ou de ciclo superior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame convoca as axudas para transporte dirixidas a estudantes empadroados e con residencia efectiva en Lousame que cursaran estudos universitarios ou de ciclo superior en centros públicos de Galicia durante o curso 2013-2014. Unha axudas ás que o Concello de Lousame destinará unha partida de 4.000 euros, de xeito que as bolsas oscilarán entre os 150 e os 250 euros.

As bases da convocatoria destas axudas foron publicadas hoxe polo Diario Oficial de Galicia, polo que mañá mércores ábrese un prazo de 20 días naturais para a presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Lousame, é dicir, ata o vindeiro 11 de agosto. A documentación precisa pode descargarse da páxina web de Lousame (www.concellodelousame.com).

Requisitos e documentación

Os requisitos ineludibles para poder optar a estas axudas son estar empadroado/a e con residencia efectiva en Lousame cun mínimo dun ano de antigüidade, ter cursado estudos universitarios ou de ciclo superior nun centro público de Galicia no curso 2013-2014 e que a unidade familiar non supere a renda per cápita anual de 9.000 euros (referida á Renda do ano 2012). As rendas menores a 5.400 euros recibirán unha axuda de 250 euros e situadas entre 5.400 e 9.000 euros recibirán 150 euros.

Para a concesión destas axudas, o Concello de Lousame ten establecidos uns criterios de valoración das solicitudes nos que prima a compoñente económica da unidade familiar, onde se favorece ás rendas máis baixas con ata 10 puntos. Tamén se valoran con ata 3 puntos a situación de desemprego dalgún dos membros da unidade familiar, así como outras situacións sociofamiliares (familia numerosa, monoparental, orfandade e minusvalías).

Para presentar a solicitude, ademais de encher as correspondentes follas de inscrición, será preciso presentar fotocopia cotexada do DNI do estudante (e do seu representante, no caso de ser menor de idade), copia cotexada da matrícula do curso 2013-2014 (xunto con carta de pagamento ou certificado correspondente), certificado de convivencia da familia, fotocopia cotexada do Libro de Familia, declaración da Renda de 2012, certificación do importe anual de pensións do 2012 e certificación bancaria da conta corrente da persoa interesada para o ingreso da axuda.

22 de xullo de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.