Lousame convoca os campamentos de verán con actividades deportivas, culturais e de natureza
O Concello de Lousame convoca a decimosegunda edición dos seus Campamentos de Verán, que terán lugar entre o 14 e o 18 de xullo. Cinco días nos que o Concello de Lousame lles ofrece aos rapaces e rapazas do municipio, de entre os 7 e os 14 anos de idade, un completo programa de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza.
O prezo para empadroados en Lousame é de 45 euros (65 euros para os de fóra do concello) e todos os rapaces terán que traer o xantar e a merenda todos os días, coa excepción do venres 18 de xullo. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, de xeito ininterrompido. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780.
Programa de actividades
Os Campamentos de Verán comezarán o luns 14 de xullo, ás 9:30 horas, cunha recepción dos participantes no polideportivo municipal da Silva. Para írense coñecendo todos, haberá xogos e obradoiros de animación, así como unha sesión especial na piscina con inchables acuáticos pola tarde. Para o martes 15 de xullo está previsto un curso de iniciación ao surf e unha tarde de praia. Dende o Concello lembran que os cativos deben traer crema de protección solar adaptada á súa idade.
O mércores 16 de xullo terá lugar un curso de maxia, unha sesión de ludoteca e rematará cuns xogos na piscina da Silva. O xoves 17 de xullo terá lugar unha excursión ao aquapark de Cerceda. Os rapaces chegarán ás 20:30 horas e tras asearse e cear (a cargo do Concello de Lousame), poderán participar nun obradoiro de resolución de conflitos e pasar a noite no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.
Para o último día dos campamentos, nos que o xantar e a merenda corren por conta do Concello, está prevista unha olimpíada acuática, xogos mediambientais, sesión de piscina, inchables e unha gran Festa de Despedida con agallasos.
O Concello de Lousame lembra ás familias que a puntualidade é imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas sen excepción. Ademais, recorda que durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tablets, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos.











