López-Chaves reúnese coa organización das Xornadas Marisqueiras VigoMar 2014
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá a primeira toma de contacto coa organización das Xornadas Marisqueiras VigoMar 2014, co obxectivo de comezar a planificar a que será a XII edición desta festa popular, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro no Porto Pesqueiro de Vigo.
A organización espera unha asistencia masiva de público, atraído pola gran variedade de produtos do mar que poderán ser degustados a prezos económicos e que, en anteriores edicións, superou a cifra de 50.000 visitantes.
Nesta ocasión, a XII edición das Xornadas Marisqueiras coincidirá cunha semana de gran afluencia de turistas, que chegarán á cidade de forma masiva por mar. En total, está prevista a escala de até nove grandes cruceiros, que deixarán en Vigo máis de 21.000 visitantes ao longo da semana do 8 ao 14 de setembro.
Pero o prato forte será, sen dúbida, o día 11. Coincidindo coa inauguración das Xornadas Marisqueiras, o Porto de Vigo recibirá unha cuádrupla escala de cruceiros, protagonizada por catro buques italianos: dous MSC (Opera e Orchestra) e dúas Costa Cruceiros (Luminosa e Mediterránea), que deixarán en Vigo a máis de 12.200 persoas nun só día. En total, a suma das súas esloras superará o quilómetro de lonxitude e os 329.000 GT.
Promocionar a festa
Desde a organización xa se está traballando para tratar de sacar o maior partido posible a esta chegada masiva de turistas á cidade, aos que se pretende sumar aos xa habituais asiduos ás Xornadas Marisqueiras nun día de festa popular.
Para iso, a propia organización estará presente na contorna da Estación Marítima para convidar aos cruceristas a degustar unha gran variedade de produtos do mar elaborados de diferentes formas, desde ameixas, camaróns, chipirones, navallas, lagosta, percebes, lagostinos, cigalas, polbo, rodaballo, zamburiñas, vieiras e nécoras, pasando polos berberechos ou mexillóns ao vapor, ou até a típica e variada parrillada de marisco.
Ademais, e como antesala á inauguración das Xornadas Marisqueiras, o Porto de Vigo recibirá o día 10 unha tripla escala de cruceiros da man do Wind Surf, o Celebrity Constellation e a Costa Pacífica, ou o que é o mesmo, máis de 7.500 persoas nunha única xornada.
A semana arrincará coa chegada do Seadream I e o Boudicca será o encargado, o sábado día 13, de pór o broche de ouro a estas intensas xornadas.
Ademais da degustación de todos estes produtos do mar, o domingo 14 terá lugar a tradicional carreira que se celebra no Porto Pesqueiro de Vigo no marco das Xornadas Marisqueiras VigoMar. A carreira, que xa vai pola súa 5ª edición, arrincará ás 10 da mañá e estímase que conte coa participación de máis de medio milleiro de atletas, superando así a participación de anteriores edicións. Os interesados en participar na mesma, poderán inscribirse a través da páxina web www.cronotec.es ou na tenda Deportes Athletics, situada na Avda. de de Balaidos nº 41. Toda a información da carreira está dispoñible na web www.correrengalicia.org, así como na páxina de Facebook “Dez Kms Xornadas Marisqueiras”.
O Porto Pesqueiro de Vigo vivirá así unhas intensas xornadas de exaltación dos produtos do mar, potenciando aínda máis se cabe a imaxe de Vigo como líder mundial en tráfico de pesca para consumo humano.











