Lalín estuda crear unha gran exposición sobre a cultura e a arte sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Primeira reunión de traballo

Primeira reunión de traballo

O tenente alcalde, Román Rodríguez, e a concelleira de Cultura, María Álvarez, mantiveron un primeiro encontro cos sacerdotes Manuel Salgado, Marcos Torres e José Criado, así como cos membros do SED, Daniel González Alén, César Gómez e Francisco Rubia, e co técnico de Cultura, Damián Paío, unha xuntanza na que se comezou a traballar na organización desta importante mostra que previsiblemente se prevé que poda poñerse en marcha no vindeiro Nadal Prestarase especial atención ao Santuario do Corpiño e ao clamor das parroquias de Vilariño e Bermés, como manifestacións singulares con grandes alicerces no noso municipio

O Concello de Lalín realizará unha completa exposición sobre a cultura e a arte sacra. Así o avanza o tenente alcalde, Román Rodríguez, que informa que “con tal obxectivo vimos de manter -onte á noitiña na Casa do Concello- unha reunión preliminar para perfilar a iniciativa e coordinar as primeiras accións”.

No dito encontro participaron, ademais do tenente alcalde e da responsable municipal de Cultura, María Álvarez, os sacerdotes Manuel Salgado, Marcos Torres e José Criado e os membros do SED, Daniel González Alén, César Gómez Buxán e Francisco Rubia, ademais do técnico de Cultura, Damián Paío.

Román Rodríguez refire que “o obxectivo desta xuntanza de arranque foi o de asentar as bases para a organización dunha gran exposición con elementos da cultura e da arte sacra de Lalín que sexan de interese, tales como reliquias, cálices, cruces de interese, estandartes, figuras e tallas destacadas, entre outros moitos obxectos relixiosos”.

“Preténdese realizar unha mostra ampla daqueles elementos de valor artístico e patrimonial que existan nas parroquias de Lalín, con pezas que podan estar na Diócese de Lugo e tamén no Museo Provincial de Pontevedra”, explica.

COLABORACIÓN VECIÑAL E DE INSTITUCIÓNS

Neste sentido o voceiro municipal fai fincapé en que “se agradece a colaboración de todas aquelas persoas ou institucións que poidan contribuír de distintos xeitos á recompilación e/ou difusión do valor do patrimonio relixioso do concello, polo que estamos abertos a novas incorporacións de persoas que queiran colaborar no desenvolvemento desta importante mostra”. Ao respecto remarca que “para garantir desde un comezo o éxito desta mostra de todos os lalinenses é importante a involucración da Igrexa e do Bispado para que nos acheguen os elementos que posúen e tamén dos integrantes do SED que elaborarán un traballo de selección e análise daqueles elementos de maior relevancia”.

“Analizarase a posibilidade de elaborar un catálogo coas pezas seleccionadas que poderán ser tanto esculturas, como orfebrería, elementos construtivos, reproducións de pinturas murais, fotografías, publicacións… co ánimo posto na recompilación daqueles elementos fundamentais da cultura relixiosa do concello”, subliña.

Román Rodríguez resalta que “se prestará especial atención ao Santuario do Corpiño e ao clamor de Vilariño-Bermés, como manifestacións singulares e de grande raigame no noso pobo, a fin de dalas a coñecer, sobre todo aos máis novos, para evitar que co paso do tempo se perdan estas tradicións relixiosas que se remontan a varios séculos atrás”.

“Xa nesta primeira reunión fixouse un plan de traballo para poñer en marcha esta extensa exposición cuxa intención é que se poda poñer en marcha no Nadal do presente ano”, afirma Román Rodríguez.

9 de xullo de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.