Julia Haz Barrientos converterase na pregoeira do VIII Mercado das Rutas do Mar de Muxía
Os días 9 e 10 de agosto terá lugar o Mercado das Rutas do Mar de Muxía. Como cada ano, as festas arrancarán co pregón inaugural na Praza do Cabo da Vila, ás 12 da mañá do sábado.
Este ano será unha muller a encargada de facer este pregón, Julia Haz Barrientos. Julia é unha muller de Muxía dunha familia de ampla tradición mariñeira e que na actualidade preside a Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns. É tradicional que o pregón o faga unha persoa de Muxía, e que teña relación co mundo do mar, tanto dende a literatura (xa pasaron escritores ) como dende o seu propio oficio ou tradición familiar ( como foi no caso dos patróns maiores, ou de Fernando Carrera).
Esta festa na que Muxía celebra as súas raíces mariñeiras, chega en 2014 á súa VIII edición, gañando cada ano en participantes tanto da vila como artesáns que se achegan cos seus produtos, así como en afluencia de público. Para este ano agárdase un incremento de postos e o Concello ten preparado, como en anos anteriores, unha completa programación ao longo dos dous días con pasarrúas, teatro e música tradicional.