publicidade hoxe

Jesús Ramírez asegura que seguir formándose continúa sendo o seu propósito principal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Jesús Ramírez, adestrador axudante do Ratiopharm Ulm alemán, será un dos encargados de intervir na xornada do sábado do II Clínic “Desmontando ao adestrador axudante”, que se celebrará no pavillón da Cachada (Boiro) os días 18 e 19 deste mes.

O técnico, que fai case cinco anos decidiu irse a Alemaña coa oferta do equipo bávaro, asegura que “na miña primeira tempada vin unha diferenza de estilo no baloncesto respecto da liga Endesa, moi marcada polo número de americanos que compiten, onde primaba a individualidade dos xogadores por encima dos aspectos do colectivo. Pero tempada a tempada a BBL (Basketball Bundesliga) mellora moito nese aspecto, e mesmo cada vez veñen mellores adestradores como Trincheri, Pesic, Obradovic…”.

Aínda que considera que tomou este camiño “para seguir formándome, que segue sendo o meu propósito principal”, nestes anos xa viviu tres finais: unha de liga e dúas de copa. Tamén competiu en Eurocup, chegando a cuartos e a oitavos de final. “O club creceu moito este tres anos. O reto principal é consolidar este nivel deportivo, seguir competindo cos mellores equipos da BBL e poder seguir facendo ruído en Europa, que non é pouco”, dixo. Moito ten que ver en todo iso o seu papel no equipo, do que explica que “está dividido en catro campos: preparación do partido, análise do rival, mellora técnica dos xogadores e soporte ao primeiro adestrador nos temas que el crea necesarios”.

Precisamente por ese estudo do rival, coñece ben á última fichaxe do Rio Natura Monbus, Maxi Kleber, xogador até este fin de tempada nun dos seus clubs adversarios, o Wuerzburg: “Díxenllo persoalmente a José Luís Mateo cando me preguntou por el, creo que é unha gran opción para o equipo e un xogador novo cun potencial enorme. Este ano foi o primeiro que tivo continuidade sen lesións na liga alemá e fíxoo francamente ben”. Engade ademais que “é extremadamente atlético e bo reboteador. Tamén ten un bo xogo de pés para a súa altura, pode xogar de face ao aro coas dúas mans en situacións complexas e ten tiro exterior. En resumo, é moi completo”.

Por outra banda, no seu relatorio no Clínic, titulado “Técnica individual cos xogadores exteriores”, procurará “explicar como expoño no meu equipo ese traballo, dando importancia a como e cando o planifico durante a tempada, e reproducir como é unha sesión de técnica individual tentando achegar exercicios”. “O Clínic é unha proposta excelente para todo tipo de adestrador, non só para axudantes. A idea nova de facer os relatorios desde o punto de vista do asistente vai dar que pensar, reflexionar, e estou seguro que vai enriquecer  moito a todos os presentes”.

O Clínic finalmente non poderá contar coa presenza de Jordi Fernández, adestrador axudante do Cleveland Cavaliers, por cuestións de axenda. O cartel definitivo inclúe por tanto relatorios de Diego Ocampo, recentemente nomeado adestrador de UCAM Murcia tras a súa estancia no Cajasol, Antonio Pérez Caínzos, ex segundo do Valladolid e novo técnico do C.B. Clavijo, Agustí Julbe (ex F.C. Barcelona), o propio Jesús Ramírez, Federico Fucá, do Virtus Roma, o psicólogo deportivo Juancho Armental e o relatorio a dúo de Alberto Camba e José Alonso.

O prazo de inscrición foi ampliado até o 15 de xullo para que os máis atrasados teñan aínda a oportunidade de asistir. A inscrición poderase realizar tanto a través de correo electrónico como nas oficinas do Rio Natura Monbus. Ademais, o club facilitará o acceso, fretando un bus desde Santiago de Compostela durante os dous días de curso. Os interesados deberán comunicalo ao correo clinic@obradoirocab.com para reservar a súa praza.

8 de xullo de 2014 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.