Javier González acada a medalla de bronce no Campionato do Mundo Cadete de Taekwondo

Javier González no podio
Unha medalla para o taekwondo galego no primeiro Campionato do Mundo Cadete, que finalizou hoxe en Bakú (Azerbaiyán). Javier González (-61 quilogramos, Mace Sport) logrou o bronce no último día de competición, mentres que Pilar Rodríguez (-59, Natural Sport Riveira) caeu nos 16avos de final. Ademais, Adrián Pombo (-65, Maniotas) quedou fóra no primeiro combate. As boas noticias para o deporte galego chegaron coa participación de Javier González.
O pontevedrés (-61 quilogramos) comezou a competición fronte ao polaco Marek Wozniak ao que superou con bastante superioridade (11-5). O combate de cuartos fronte ao canadense Zachary Hiebert foi moito máis competido e duro, xa que se decidiu por só un punto a favor do galego (8-9). Javier, que é un gran competidor e moi ofensivo, ía por detrás no marcador pero nunca baixou os brazos e grazas á súa agresividade e perseveranza logrou remontar e acadar a vitoria, que garantía polo menos unha medalla.
Na semifinal tiña enfronte a Luís Osorio (MEX) e Javier encaixou unha acción de catro puntos que puxo por diante ao mexicano e complicou en exceso o combate. Aínda así houbo un golpe dubidoso que reclamou a seleccionadora Noelia Pérez: Os árbitros dan tres puntos a cada un dos taekwondistas nesa acción, mentres que a técnica galega consideraba que só debían ser os tres puntos para Javier.
Finalmente, os árbitros non aceptaron a reclamación e, a pesar do ataque constante do galego ata o final do combate, non puido remontar (10-7). Magnífico resultado para Javier, que estaba encantado coa súa presea. Pola súa banda, Pilar Rodríguez (Natural Sport Riveira) ganou na primeira rolda á serbia Natalija Calic nun combate cun alto tenteo (18-15) e no que a galega estivo moi contundente. Nos dezaseisavos, contra a alemá Selina Oeztuerk, Pilar ía mandando no marcador (2-5), pero tiña molestias nun xeonllo que lle impedía competir a bo nivel, feito do que se decatou a alemá que non deixou de intentalo ata que logrou poñerse por diante a falta de poucos segundos para o final do combate (6-5). O terceiro galego que competía hoxe no Mundial foi Adrián Pombo (Maniotas) que tivo que loitar contra o chino Tsung Hsun Li en -65 quilogramos.
O galego foi por diante durante case todo o combate, pero no terceiro asalto o chino logrou conectar un golpe arriba e poñerse por diante e Adrián xa non puido remontar (11-8). Neste primeiro Mundial Cadete participaron case 600 deportistas (576) de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos, dos cales catro eran galegos (Pilar Rodríguez, Javier González, Adrián Pombo e Artai Pazos). Os catro deportistas galegos puideron viaxar a Bakú grazas ao esforzo económico realizado pola Federación Galega de Taekwondo e os propios deportistas e a colaboración de algunha institución, xa que a Federación Española non asumiu gasto algún.











