publicidade hoxe

Invístense 190.000 euros en tres cursos de formación para desempregados en Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Oleiros

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Oleiros

A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano preto de 190.000 euros en financiar tres cursos de formación para desempregados, que foron concedidas ao concello de Oleiros. En concreto, as especialidades que se impartirán neste exercicio son cociña, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os beneficiarios serán un total de 45 persoas.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde desta localidade, Ángel García Seoane, para abordar a colaboración que manteñen ambas administracións, especialmente no eido laboral.

Ademais dos cursos de formación, e para este exercicio, Oleiros tamén ten concedida unha subvención de 40.000 euros no marco das actividades de información, orientación e busca de emprego, que permitirá a contratación de dous técnicos nesta materia.

Con todo, Mato recordou que aínda hai máis convocatorias dispoñibles para os concellos, que se executan ao longo do ano, polo que o goberno municipal pode recibir máis axudas. Este é o caso, por exemplo, daquelas destinadas á contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, ou das axudas á formación dos menores de 30 anos.

A conselleira aproveitou a xuntanza para darlle a coñecer ao rexedor municipal a nova posibilidade de que os concellos se beneficien dos contratos de formación e aprendizaxe que está impulsando a Consellería. Esta orde ten un orzamento total de 4,1 millóns de euros, o que permitirá formalizar uns 750 contratos. O prazo de solicitude está aberto ata o 15 de novembro.

Esta iniciativa, que combina un posto de traballo cunha actividade formativa, está dirixida aos menores de 30 anos cunha baixa cualificación e que estean en situación de desemprego. Ofrece aos mozos desempregados un contrato profesional e unha formación certificada, ao tempo que as entidades contratantes teñen a posibilidade de contar con profesionais preparados para determinados labores específicos.

As empresas ou concellos tamén contan con vantaxes se optan por esta modalidade. Ademais de que o financiamento da parte formativa corra a cargo da Xunta, contarán con reducións da cota empresarial da seguridade social que van desde o 75% ao 100%. Ademais, as empresas poden contar deste xeito con profesionais preparados especificamente para o labor que teñen que realizar.

11 de xullo de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.