Invístense 160.000 euros na mellora da seguridade en pistas municipais de Fene
O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego Feal, asinaron estes días tres convenios de colaboración co Concello de Fene por un importe de 160.000 euros para o financiamento de varias actuacións neste municipio. O primeiro dos acordos recolle unha achega por parte da institución provincial de 69.403,66 euros, o que supón o 80% do investimento total necesario para levar a cabo as obras de aglomerado do camiño de Almeiras na parroquia de Limodre.
O proxecto inclúe a reparación de fochancas, roza de gabias, perfilado de gabias en ambas as marxes do camiño e a colocación da capa de rodaxe. Ademais, procederase á colocación de sete redutores de velocidade, elementos de sinalización vertical e sinalización horizontal, así como o pintado de bordes de calzada ou a sinalización da intersección do camiño de Almeiras coa estrada AC-122 mediante a colocación dun sinal de stop.
Na marxe dereita da curva do pk 0,310 colocaranse tamén 30 metros de bordo ou quenlla de formigón para a canalización das augas pluviais, á vez que se adaptarán os 28 pozos de rexistro á nova rasante.
O segundo dos convenios servirá para financiar as obras de mellora no Camiño do Ladeiro. Para esta actuación a Deputación da Coruña achegará 58.785,95 euros, o que supón o 80% do orzamento necesario para esta obra, que ascende a 73.482,44 euros
Con este investimento realizaranse a reparación de fochas, a apertura de gabias, a formación de firme, a colocación de marcas viarias, o saneamento, e a sinalización en Camiño de Ladeiro, rúa Perlío, camiño dos Condes e rúa Tafona. As obras de mellora realízanse nun total de 1.093 metros de lonxitude. Tamén se executará a canalización do saneamento cos seus correspondentes pozos en Fontenova e Botariz.
Por último, o terceiro dos textos aprobados polo pleno provincial permitirá levar a cabo as obras de aglomerado do camiño de Campanario na parroquia de Limodre.
Este último proxecto inclúe a colocación dunha nova capa de rodaxe, mellorarase a seguridade e a sinalización do viario coa colocación de 4 redutores de velocidade, colocarase a sinalización vertical, levarase a cabo o pintado dos bordos da calzada e sinalizarase a intersección do camiño de Campanario coa rúa Camiño Grande coa colocación dun sinal de stop.
A Deputación achega 31.810,38 euros que supón o 80% do total (39.762,98 euros).











