Increméntase en 212.000 euros o orzamento municipal de San Sadurniño para a mellora de estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O pleno ordinario deste mes de xullo foi o primeiro que se celebrou na nova Casa do Concello. A orde do día compuxérona nove puntos con escaso debate agás en dous deles: o da aprobación do acordo alcanzado co persoal laboral sobre como se lle complementarán os salarios en caso de incapacidades temporais e, por outra banda, a moción presentada polo BNG solicitando un cambio no modelo de Estado. Onde cadraron os tres grupos foi na aprobación de dúas modificacións no orzamento que aumentarán a súa contía para este ano en máis de 200.000 euros. Cartos que irán parar á mellora da rede viaria. Na sesión tamén se aprobou unha declaración sobre o cambio da sede consistorial, situada desde hai dúas semanas no lugar do Casal nº 16. A novidade deste pleno non reside só no novo lugar, senón tamén en que a partir de agora as gravacións das sesións estarán dispoñibles na rede.

O alcalde contextualizou a declaración botando man dun artigo publicado no Pumariño en 1978, onde se explica como foi parar o Concello en 1863 ao convento do Rosario e cales foron os motivos de que, 151 anos depois, cambiase para o pazo. Entre eles as necesidades de máis espazo e o feito de dispor dun edificio histórico ao que darlle utilidade pública.

Houbo unanimidade dos tres grupos neste asunto e tamén nos tres seguintes, todos eles de índole económica. Aprobáronse dúas modificacións de créditos que, na práctica, supoñen un incremento de 212.000 euros do orzamento municipal. Unha cantidade que non se reflectiu no documento aprobado en decembro do ano pasado pero que o goberno local xa manexaba entre as súas previsións de ingresos. Por unha banda aprobouse habilitar unha partida cercana aos 150.000 euros no capítulo de investimentos, provenientes do plan DTC provincial e con destino ao aglomerado da estrada entre a Vidueda e o Chao. Por outra tamén se aprobou a incorporación aos orzamentos de 2014 de case 63.000 euros do resultado positivo das contas de 2013. Neste caso os cartos irán a un programa específico de reposición da infraestrutura viaria de todo o territorio.

A este respecto o PSOE solicitou que as obras servisen para darlle emprego a persoas do municipio. O alcalde sinalou que este tipo de obras -para as que se están elaborando xa as memorias técnicas- non poden facerse por administración, senón que cómpre contratarllas a empresas do sector. Firmas que en moitos casos son da zona e que, para o alcalde, tamén contribúen a crear emprego na comarca.

O último dos puntos económicos que tamén obtivo a unanimidade plenaria foi o da aprobación dunha transferencia para que a UDC Narahío acometa as obras de mellora do local social da parroquia de Naraío. Serán 10.000 euros cos que a entidade acondicionará os aseos e a accesibilidade a un recinto onde se desenvolven actividades municipais, como a ximnasia das persoas maiores, as escolas de gaita, percusión e pandeireta, ademais de ser desde hai algúns anos o local electoral da parroquia.

Incapacidades temporais do persoal laboral

O asunto que máis debate xerou foi o referido á aprobación plenaria do acordo co persoal laboral para que o Concello complemente os seus salarios en caso de incapacidades temporais. Un complemento que se viu reducido co decreto estatal 20/2012 pero que pode recuperarse se hai un pacto entre a administración e os empregados. O persoal laboral solicitou formalmente abordar o asunto no marco da negociación do convenio colectivo e o acordo alcanzado recolle tres casos: quen se rebaixe por unha doenza común percibirá durante os 3 primeiros días como complemento o 50% do que cobrara o mes anterior; entre o día 4 e o 20, complementarase ata o 75 por cento, mentres que do 21 en diante o Concello achegará como complemento ata o 100 por cento. No caso accidentes ou enfermidades laborais, en casos especiais por hospitalizacións ou intervencións cirúrxicas, a aportación municipal será tamén do 100 por cento. 

O voceiro nacionalista Suso Soto explicou que se trata dun “acordo importante” co que “se palían en parte todas aquelas mermas nos dereitos laborais que vén plasmando ultimamente a administración do Estado e tamén a administración autonómica”. 

O voceiro do PSOE, Fernando Márquez queixouse de que o persoal funcionario “estea exento deste tipo de mellora” e pediu que o acordo se tomase de maneira consensuada para todos. Cualificou o acordo de “discriminatorio” cos funcionarios e funcionarias. Por parte do PP, Plácido López pediu tamén que se incluíse no acordo a proposta ao funcionariado municipal. Suso Soto respostou que por parte do goberno local non había “ningún problema” en chegar ao mesmo acordo tamén cos funcionarios se había unha “solicitude formal” de negociación que ata o momento, segundo o concelleiro, non se presentou. 

O que si consta no rexistro é un escrito presentado o 1 de xullo polo delegado da xunta de persoal -que representa só ao cadro de funcionarios- pedindo que o pleno considerase aplicarlles a eles “sempre que sexa posible legalmente” tanto esta como outras melloras que se puidesen acordar en calquera das dúas mesas de negociación que existen no Concello. “Noutro caso -prosegue o escrito- produciríase unha inxustificable discriminación de carácter absolutamente ilegal e anticonstitucional”. 

O voceiro nacionalista reafirmou a súa defensa de que todo o persoal “sexa igual en dereitos e deberes” e en “mellorar as condicións laborais e salariais” dos traballadores e traballadoras do Concello. Porén, Soto tamén fixo unha reflexión para criticar que se empreguen “alegremente” conceptos como o discriminación e anticonstitucional: “cando [o escrito] fala de discriminacións anticonstitucionais non sei se se refire a que algúns collan días de asuntos propios sen que llos autoricen ou que cando a maioría do persoal colle os seus 20 ou 30 minutos para tomar o café haxa algún que baixa ata catro e cinco veces, ou se se refire a que cando hai quen traballa 37 horas e media no cómputo semanal hai quen só traballa 30”. 

O edil socialista insistiu en cualificar de “inxusto e discriminatorio” que na mesma empresa “uns teñan unhas condicións e outros outras”. Secundino García cadrou con Márquez en que “é inxusto” que nunha empresa “uns traballadores teñan unhas condicións e outros outras” e lembrou que ata hai un ano “os funcionarios cobraban o cen por cen e o persoal laboral nunca o cobrou”. Criticou ademais que o escrito presentado polo funcionariado cualificase de anticonstitucional “un acordo lexítimo que tomou a representación do Concello coa representación dos traballadores laborais”. García dixo, ademais, que “podería ser ilegal” aplicarlle ao cadro de funcionarial automaticamente un acordo que se tomou na mesa de negociación co persoal laboral. Incidiu tamén en que “a día de hoxe esta alcaldía non recibíu ningunha petición formal por parte do representante legal dos funcionarios para regular as incapacidades temporais. E non vai haber ningún problema para regulalas, pero tense que pedir. Non podemos regular as condicións laborais dos funcionarios sen unha negociación. Este goberno intentará mellorarlles as condicións a todo o persoal, laboral e funcionario, pero o que non imos tolerar é que nos impoñan cousas sen negocialas.” 

A proposta aprobouse cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e PSOE. Porén o asunto aínda volvería revivir ao remate do pleno, cando se abriu a quenda para a intervención do público. O delegado sindical do persoal laboral interviu nese momento para facer un apuntamento sobre a intervención da oposición: “como representante dos traballadores, que me digan a min que o tema das incapacidades temporais é discriminatorio… eu considero discriminatorio, por exemplo, que do orzamento de 2013 cinco persoas se repartan 283.000 euros e que outras 33 persoas nos repartamos 489.000. Tamén me parece discriminatorio que eles [os funcionarios] cobren antigüidade e que nós non cobremos antigüidade, os horarios parécenme discriminatorios… hai moitas cousas que me parecen discriminatorias”. No mesmo sentido pronunciouse outra intervención dun espectador, neste caso do exconcelleiro Pepe Gudín, quen sinalou que “os veciños temos dereito a saber o que cobran os traballadores do Concello”. Gudín mostrou o seu apoio a que ao persoal laboral “se lle melloren as condicións” e asegurou tamén estar a favor de que “se lle melloren tamén ao funcionariado, pero hai que ver o que fai cada un”. 

Moción do BNG para “superar o modelo de Estado”

Nesta sesión non houbo rogos nin preguntas, pero si unha moción presentada pola vía ordinaria polo grupo municipal do BNG. A proposta arranca criticando a monarquía por ser “un réxime incompatible cun sistema democrático, un réxime vitalicio e hereditario establecido pola graza de Deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo”. Neste sentido, segundo o BNG, a cidadanía galega precisaría “liberdade e capacidade para decidir nun espazo que garanta o dereito de autodeterminación dos pobos”. A moción nacionalista insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno do Estado o inicio dun proceso constituínte “que supere o réxime borbónico e garanta o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español, recoñecendo o seu dereito a decidir”. 

O PSOE sinalou que a solución sería “unha consulta” que, de realizarse, “as cousas non cambiarían”. Mentres que o portavoz do PP leu o seu argumentario facendo unha defensa da monarquía como unha realidade “compatible coa democracia”. Plácido López destacou o papel da monarquía durante a transición e o apoio do que gozaría por parte da cidadanía, tal e como terían posto de manifesto as “enquisas publicadas polos medios de comunicación”. O portavoz do PP dixo tamén que “se queremos decidir nos asuntos políticos hai un cauce: as eleccións locais, autonómicas, xerais e europeas, así como os referéndums fixados pola constitución”. 

O voceiro do bloque precisou que o debate “non é monarquía si ou monarquía non” senón que hai “unha crise do sistema político que lle afecta a todas as institucións”. Por esta razón, Soto puntualizou que o BNG “demanda que os dous grandes partidos tomen a decisión dunha vez por todas de que se poida modificar a Constitución para que se poida cambiar o modelo de Estado”. Lembrou que en 2012 PP e PSOE “puxéronse dacordo en 24 horas” para modificar o artigo 35 da Constitución e, polo tanto, “para darlle forma a todas as restricións económicas e de dereitos da xente”.

A moción presentada polo BNG saiu adiante só cos seus votos, xa que o PSOE se abstivo e o PP votou en contra.

Pleno dispoñible na rede

A partir de agora os plenos municipais estarán dispoñibles na rede. Ata o momento a única forma de consultar o resultado dos debates era a través dos resumes na web ou das actas. Esta última posibilidade é a única oficial pero ten o inconveniente de que pode tardar ata dous meses en ser accesible, xa que antes de publicarse é o propio pleno quen debe aprobala. De aí que as actas sempre se vaian publicando cunha sesión plenaria de retraso. 

Porén, desde este pleno de xullo as cousas cambian e as gravacións íntegras dos plenos quedarán gardadas na plataforma iVoox para poder descargalas ou escoitalas en calquera lugar. O audio nesta ocasión gravouse cun teléfono móbil, polo que a calidade do son non é a desexable. Porén, de cara ás próximas sesións xa se empregará o sistema de megafonía instalado na nova Casa do Concello.

7 de xullo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.