Impulso á mellora da competitividade do parque empresarial do Salnes

Tahoces na visita ao parque empresarial do Salnés
A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, vén de resolver o programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Polígono Industrial do Salnés, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, grazas a este programa impulsaranse distintas actuacións no parque empresarial do Salnés que contribuirán á mellora da súa competitividade.
Así, investiranse 100.000 euros na mellora do pavimento de acceso ao parque, acometendo actuacións na sinalización das marcas viais e nas beirarrúas ao longo de 1,7 quilómetros. Deste xeito, e como explicou Bernardo Tahoces, a actuación beneficia e impulsa a competitividade industrial dos concellos de Cambados e Ribadumia, que presentaron un proxecto conxunto que incrementou a contía da axuda ata chegar ao 95% do custo da iniciativa.
Bernardo Tahoces, que estivo acompañado tamén polos alcaldes dos dous municipios –Luis Aragunde, de Cambados, e María Salomé Peña, de Ribadumia-, resaltou a importancia dunha orde que impulsa este ano actuacións en preto dunha decena de parques empresarias da provincia de Pontevedra, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da comarca. “Deste xeito, colaboramos cos municipios pontevedreses, facilitando a realización de distintas iniciativas cun investimento de máis de 600.000 euros”, explicou.
A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dase así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de 2 e 3 municipios, como é o caso de Cambados e Ribadumia.
Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.
Trala finalización dos traballos, sinalou Bernardo Tahoces, teranse beneficiado deste programa nos últimos anos 26 concellos diferentes da provincia de Pontevedra, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais.











