Humana inaugura no Grove a mostra fotográfica “Agricultura social: sementando alternativas de futuro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Humana Fundación Pueblo para Pueblo, Organización non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia así como de Axuda Social en España grazas aos recursos que obtén da xestión do téxtil usado, e o Concello do Grove, inauguran este mércores, 2 de xullo, unha exposición de fotografías sobre os proxectos de agricultura social cos que colabora a Fundación. A mostra, titulada “Agricultura social: sementando alternativas de futuro”, poderá verse nos arcos da Praza de Abastos até o 15 de xullo.

Humana e a agricultura social

A agricultura social agrupa iniciativas do sector primario que teñen un impacto positivo tanto no territorio no que se desenvolven como nas persoas que as practican. A agricultura social crea postos de traballo e formación para persoas con algún tipo de discapacidade, en situación de desemprego ou en risco de exclusión e impulsa proxectos sostíbeis que apostan pola produción de proximidade, ecolóxica e respectuosa co medio ambiente. Trátase dunha alternativa ao modelo de produción agrícola tradicional, con enorme capacidade de transformación e cun crecemento elevado nos últimos anos.

A agricultura social encaixa na identidade de Humana Fundación Pueblo para Pueblo porque sitúa ás persoas no eixe central das súas actuacións. Este tipo de accións dotan de maior valor ao traballo de valorización do téxtil, aportando solucións a outros problemas da nosa sociedade, tanto medio ambientais como sociais.

A Fundación ten unha dilatada experiencia no desenvolvemento de proxectos de agricultura e seguridade alimentaria nos países do Sur o que lle permite executar, no marco das súas actividades de Axuda Social, un programa de agricultura social no noso entorno máis próximo. Dende 2012, Humana impulsa un programa de axudas á agricultura social no que participaron un total de 11 proxectos. Así mesmo, a Fundación traballa nun proxecto de agricultura urbana, denominado 3C: ‘Cultivemos el Clima y la Comunidad’, para impulsar un modelo de agricultura sostíbel nas zonas urbanas. O que se procura é aproveitar os recursos locais dispoñíbeis para xerar produtos para o autoconsumo por parte de persoas que desexen crear lazos con outros membros da súa comunidade cos que compartan intereses.

A mostra que se presenta no Grove, e que durante o verán percorrerá outras poboación galegas e do resto do Estado, fai un percorrido en imaxes por cinco dos proxectos cos que Humana colaborou. As fotografías son obra do fotógrafo Patricio Michelín (www.patricio-michelin.com).

Humana Fundación Pueblo para Pueblo conta con 6 contedores de roupa e calzado usados na localidade que durante o primeiro semestre de 2014 recolleron 13 toneladas (13.320 quilos) de téxtil usado.

Sobre Humana

HUMANA é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de Axuda Social en España grazas aos recursos obtidos coa xestión do téxtil usado. A organización conta con 5.200 contedores para a recollida de roupa e calzado usados nas principais cidades españolas grazas aos acordos que mantén con máis de 800 concellos e preto de 500 entidades e empresas privadas. Así mesmo, conta con 400 puntos de recollida en estabelecementos comerciais de diferentes cidades españolas no marco da campaña ¿TÚ enCAJAS? Anualmente recóllense ao redor de 18.000 toneladas de téxtil usado en toda España.

HUMANA conta con 32 tendas de venda de roupa de segunda man en Madrid (15), Barcelona (13), Sevilla (2) e Granada (2), respectivamente, que xeran os recursos precisos para o financiamento dos programas de cooperación. A Fundación conta, ademais, cun programa de educación para o desenvolvemento e desenvolve cabo numerosas campañas de sensibilización ao redor da importancia da reciclaxe téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur.

HUMANA conta actualmente con máis de 350 empregados. Forma parte da Federación HUMANA People to People, que agrupa a 35 organizacións a nivel mundial.

1 de xullo de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.