Hernández respecta que os veciños de Angrois non acudan ás medallas e teme que o lugar se converta nun pseudoestudo de gravación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mostrou este venres a súa “preocupación” ante a posibilidade de que Angrois se converta, durante a próxima semana, nun “pseudoestudo” de gravación.

De feito, asegurou, tras a Xunta de Goberno Local, que comparte a opinión dos veciños de Angrois, que decidiron non acudir á entrega das Medallas de Galicia o próxima día 24 a considerar que é unha xornada de “recollemento e silencio”.

De tódolos xeitos, o rexedor compostelano remarcou que respectan “tódolos posicionamentos”, tanto o dos veciños de Angrois como o dos servizos de emerxencias que acudiron ao lugar do sinistro ferroviario tras o accidente. E é que os Bombeiros de Santiago e a Policía Local si acudirán á entrega de medallas.

Preguntado por se a Xunta debía falar previamente cos veciños para, posteriormente, poñer data á entrega das Medallas de Galicia, Hernández rexeitou “entrar en polémica” e fixo fincapé en que descoñece se “falou ou non”.

Neste sentido, subliñou que non está “en condicións de valorar” cáles foron as “razóns” do Goberno galego para escoller o próximo día 24, cando se cumpre un ano do sinistro ferroviario que acabou coa vida de 79 persoas en Angrois, para entregar as Medallas de Galicia.

“MÁXIMO REALCE E SOLEMNIDADE”

Aínda así, destacou que se o Goberno dirixido por Alberto Núñez Feijóo optou por esta data, foi para darlle o “máximo realce e solemnidade”.

Con respecto á entrega das Medallas de Galicia, Hernández pediu aos compostelanos que, a pesar de que “só” os Bombeiros de Santiago e a Policía Local vaian ser recoñecidos na entrega de Medallas, visualicen tamén ao Cersia, a Protección Civil e aos servizos sociais que deron asistencia ás familias das vítimas.

Preguntado polo feito de que a Xunta recoñecese só o labor dos Bombeiros de Santiago e da Policía Local, Hernández sinalou que hai que preguntalo ao Goberno galego, pois ao Concello compostelano “non lle corresponde”.

Aínda así, deduciu que este feito se pode deber a que a participación dalgúns profesionais podería parecer “máis secundaria”.

PARQUE CONMEMORATIVO

Hernández anunciou a aprobación do texto de convenio de colaboración entre Adif, Renfe-Operadora, a Fundación dos Ferrocarrís e o propio Concello de Santiago para a construción dun parque conmemorativo na zona do accidente ferroviario de Angrois.

Deste xeito, realizarase un campo da festa, unha pista polideportiva, unha zona de descanso para peregrinos, un parque público e un parque infantil. Así mesmo, tamén se efectuará un almacén para os veciños, que aínda ha de ser aprobado. Todo iso, supón unha inversión total de 300.000 euros.

18 de xullo de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.