Gran tempada dos atletas da Escola de Atletismo da Sociedade Ximnástica

Atletas da Sociedade Ximnástica de Pontevedra
A pesar de que en outubro se terminará oficialmente a tempada 2013/2014, o pasado mes de xuño os atletas da Escola de Atletismo da Sociedade Ximnástica, realizaron as súas últimas competicións do curso atlético.
O balance, desde o pasado mes de novembro é máis que satisfactorio, os atletas benxamíns, alevíns e infantís da Escola, sumaron máis de mil actuacións; nas diversas competicións nas que interviñeron, federadas e do programa XOGADE, que organiza a Secretaría Xeral para o Deporte.
Ademais a propia Sociedade Ximnástica organizou competicións de diversa índole, tanto federadas como meramente participativas, o programa Xogatlon, con cinco xornadas, foi un claro exemplo.
Tamén foi unha grata sorpresa o gran número de medallas que se conseguiron. Nos campionatos provinciais do XOGADE, os atletas da Escola recolleron, un total de 32 medallas, con 14 ouros, 11 pratas e 7 bronces. Nos Campionatos federados de Galicia, foron 10 preseas, con 3 ouros, 4 pratas e 3 bronces. E nos Campionatos galegos por equipos sumáronse 3 medallas de bronce.
En resumo un curso brillante que reflicte o gran traballo dos monitores da Escola e a axuda inestimable do Instituto Municipal de Deportes.











