Gran éxito de participación na Copa Deputación de Fútbol con 58 clubs e 153.000 euros en premios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

A sede da institución provincial acolleu esta mañá a presentación da XXVI Copa de Fútbol Deputación da Coruña, que comezará o 27 de xullo coas eliminatorias previas.

Este ano, lógrase un novo récord de participación con 58 equipos e un incremento na partida destinada a premios, que chega ata os 153.000 euros. Tan só por participar, os equipos xa recibirán unha contía fixa, que se verá incrementada a medida que se vaian clasificando. Así, o gañador poderá levarse ata uns 17.000 euros.

Participarán clubs de Segunda División B (dous equipos), Terceira División (12 equipos), Preferente Autonómica (13 equipos) e Primeira Autonómica (31 equipos). Ao final desta edición celebrarase en A Pobra o día 15 de agosto, coincidindo coa Bandeira de Traíñas.     

O acto estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Deportes da Deputación, Mariel Padín, acompañada do presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, que agradeceu a “simbiosis” que mantén a institución provincial con esta entidade e con todos os clubs. “Esta competición ten pasado, ten historia e ten futuro, que é o que nos interesa”, declarou García Liñares antes de proceder ao sorteo.

Pola súa banda, Mariel Padín destacou que a través desta proba, unha das máis importantes dos torneos de verán, dáse un bo respaldo aos equipos máis modestos do “deporte rei”, que en moitos casos están pasando por dificultades. Así, animou aos participantes a seguir gozando deste deporte e a transmitir os valores de xogo limpo, o respecto e o compañeirismo.

Tras a presentación celebrouse o sorteo dos emparellamentos do torneo, no que estiveron presentes representantes de moitos dos equipos da provincia da Coruña que tomarán parte na edición deste ano da Copa Deputación de fútbol.

A eliminatoria previa, na que tomarán parte 16 equipos de Primeira Autonómica, acollerá os seguintes encontros: Maniños-Miño e Meirás-Eume (Ferrol); Flavia-Noia e Sigüeiro-Unión (Santiago); Caión-Sporting Coruñés e Abellá-Arteixo (A Coruña); e Esteirana-Ponteceso e Malpica-Baio (Costa da Morte).

11 de xullo de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.