Francisco Conde compromete a mediación da Xunta no conflicto entre Celsa e os seus traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o compromiso da Xunta de continuar mediando entre Celsa Atlantic e os seus traballadores para acadar unha solución de consenso. Durante unha intervención no Parlamento, Conde resaltou a sensibilidade do Goberno galego cos traballadores de Celsa e coas súas familias, “a razón do noso traballo e do noso esforzo diario por mellorar a economía galega”.

No caso do conflito laboral que vive Celsa Atlantic, esta determinación concrétase nas actuacións de mediación e acompañamento que a Xunta está a desenvolver desde o primeiro momento con representantes da empresa e dos traballadores. Neste senso, tras a presentación o pasado 10 de xuño dun ERE de extinción no Ministerio de Trabajo y Seguridad Social -por afectar tamén ás plantas de Celsa en Vitoria e Urbina-, a Xunta impulsou diversos contactos e reunións, segundo apuntou Conde, “para abrir vías de diálogo entre as partes, que estaban pechadas, para contribuír a despexar a incógnita sobre o presente da fábrica de Laracha, e para manter os postos de traballo e garantir a viabilidade futura e posición competitiva da factoría”.

Conde subliñou os avances acadados ata o de agora nas negociacións; de inicio, apuntou, a empresa plantexou para a factoría galega un ERE que afectaba ao 30% da plantilla (56 de 152), fronte a preto dun 70% no caso da planta vasca de Vitoria (100 de 132). Sen embargo, nas últimas reunións mantidas, no transcurso das negociacións xurdiu a posibilidade de que as baixas afectasen só a 26 traballadores en vez dos 56 iniciais. A ese avance se suman as propostas da representación sindical, que propuxo converter o ERE de 56 baixas nun Expediente de Regulación temporal de Emprego acompañado da posibilidade de prexubilacións, traslados e baixas incentivadas.

“Confiamos na posibilidade de que se chegue finalmente a un acordo favorable, e seguiremos a facer canto estea na nosa man para que se concrete nunha realidade para o benestar da comarca de Bergantiños e de Galicia”, dixo Conde.

15 de xullo de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.