publicidade hoxe

Frades celebrará o Día do Neno na piscina municipal con xogos, inchables, festa da escuma e tren turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

A piscina municipal de Papucín acollerá mañá sábado 12 de xullo, a partir das 15:00 horas, o Día do Neno, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por sexto ano consecutivo na piscina de Papucín, onde os rapaces poden xogar non só cos tradicionais xogos de inchables de terra, senón tamén con outros inchables de auga que adoitan ter moito éxito entre os pequenos.

A entrada é totalmente libre de balde nas instalacións da piscina municipal, onde tamén haberá distintos xogos e uns obradoiros de creación de pulseiras, malabares e unha festa da escuma. As novidades para este ano será un xogo de pesca de patiños, unhas piscinas para os máis pequenos da casa e un inchable con forma de barco pirata. Outra novidade é que a merenda correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia na que os rapaces coñecerán as vantaxes das conservas do mar e terán a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.

Así mesmo, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.

11 de xullo de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.