Finalizan os traballos de urbanización e accesos do entorno da Pousada e do mosteiro da Armenteira que contaron cunha inversión de 600.000 euros
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou hoxe as obras de urbanización e accesos no contorno da Pousada e do mosteiro da Armenteira. Estas actuacións poñen remate a un conxunto de accións desenvolvidas polo organismo provincial que teñen como obxecto a posta en valor deste punto de interese turístico, histórico e patrimonial.
A execución das obras correspóndelle á empresa Covsa e supón unha inversión de 518.000 €. Afectan o tramo, entre o km 15 e o km 15,4, que dá acceso ós núcleos próximos ó Mosteiro, así como ó propio santuario e á Pousada.
Carácter urbano, aparcamentos e senda peonil
O obxectivo é dar a este tramo da estrada provincial un carácter máis urbano, coa colocación de mobiliario, a creación de zonas axardinadas e a instalación de alumeado público.
Esta actuación implica a reordenación do tráfico. A nova vía será de circulación en dobre sentido, con carrís de 3,25 m de ancho en boa parte da estrada. O tramo entre o p. k. 15 (onde se construíu unha rotonda) e a urbanización do Mosteiro será de sentido único.
Para facilitar o tránsito de peóns e vehículos, e tamén mellorar a seguridade viaria, no entorno do Mosteiro habilítase unha zona de aparcamento para autobuses, así como outras zonas de estacionamento ó longo da vía. Tamén se crean áreas de descanso e lecer para os viandantes, e canalízanse os servizos de saneamento, abastecemento e recollida de pluviais.
Os traballos inclúen, ademais, a creación dunha senda peonil accesible, de 1,8 m de ancho, que comunica os distintos núcleos de poboación no tramo que conduce ó mosteiro da Armenteira.
Colaboración veciñal e apertura das Pousadas
O alcalde de Meis, José Luis Pérez, agradeceu o traballo da Deputación e afirmou que se trata dunha auténtica inversión, sen custe algún para o Concello, que posibilita a creación de postos de traballo e reactiva a economía da zona.
Pola súa banda, Louzán destacou a colaboración exemplar dos veciños, que fixo posible a realización destas actuacións e outras acometidas no contorno.
Afirmou que este mes sairá a licitación, por 1,5 millóns de €, o equipamento das Pousadas do Salnés. O anuncio publicarase no boletín da UE durante 52 días e, logo, a firma Hotusa farase cargo da xestión das Pousadas e da selección do persoal.
Recordou tamén que, tras o acordo asinado con Hotusa e a Xunta de Galicia, a Deputación logrou que 45 alumnos da FP dual obteñan formación e traballo remunerado na Pousada da Lanzada e nos centros hostaleiros desta empresa, a pesar de que, unha vez pechado o período de inscrición para os tres ciclos ofertados, nun deles non se cubriron as prazas existentes.
O presidente da Deputación anunciou que, proximamente, se levará a cabo o acondicionamento do contorno das Pousadas de Meaño e Ribadumia.











