Finalizan as obras da ponte de Ribadas nas que a Deputación de Pontevedra investiu 130.000 euros

Louzán na visita á ponte de Ribadas
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, comprobou esta mañá en Ponteareas o resultado dos traballos de reconstrución da ponte de Ribadas, nas que a Administración provincial investiu preto de 130.000 euros e que xa están rematadas.
Durante a visita, Louzán estivo acompañado dos alcaldes de Ponteareas, Salvador González Solla, e de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, así como dun grupo de veciños da zona.
A reconstrución da ponte de Ribadas supón a recuperación dun nó de comunicación moi importante entre Salvaterra e Ponteareas que se vira seriamente deteriorado co paso do tempo e o efecto das choivas.
De feito, os danos estruturais que presentaba a vella ponte eran completamente irreversibles e incluían a perda do apoio central da ponte.
Por iso, fíxose preciso derrubar a vella estrutura e construír unha nova ponte, do que se encargou a empresa NAROM, adxudicataria dos traballos.
A nova ponte mide 12,50 metros e ten un ancho de 9 metros, cunha altura libre sobre a canle do río de 2,90 metros. O ancho dos carrís de circulación é de 3 metros con beiravías de 0,50 metros e beirarrúas de 1 metro. A estrutura conta con vigas prefabricadas de formigón pretensado.
Ó incrementarse a altura da ponte foi preciso tamén corrixir o rasante dos dous camiños existentes para poñelos ó nivel da ponte.
Os traballos completáronse coa correspondente sinalización horizontal e a colocación de vallas a ambos os dous lados da ponte.
O rexedor local, Salvador González, agradeceu a colaboración da Deputación, que fixo posible “completar unha importante infraestrutura tanto para Ponteareas como para Salvaterra de Miño”. Un agradecemento que tamén quixo facer extensivo ós veciños e veciñas que colaboraron coa cesión de terreos.











