Finaliza a segunda fase de urbanización da praza Manuel Murguía
As obras de urbanización da segunda fase da praza Manuel Murguía finalizaron hoxe e os veciños xa poden gozar da nova adecuación do espazo proposto polos técnicos. En concreto adecuáronse os bancos pétreos con láminas de madeira para facelos máis cómodos e reorganizouse a praza coa intención de deixar un carril libre que una o Paseo Marítimo coa rúa Constitución, aínda que tan só poden acceder por el os vehículos autorizados de discapacitados e servizos de emerxencia.
A primeira fase da praza Manuel Murguía levou a cabo en 2012 cando se colocaron uns bancos pétreos que impedían a circulación dos vehículos e todo o espazo quedaba a disposición dos peóns. Tras varias propostas veciñais para deixar un carril para vehículos autorizados levouse a cabo esta segunda fase que xa contemplaba a modificación dos bloques de pedra instalados na praza de O Amorne.
Segundo o alcalde, Manuel Rivas, esta segunda fase teríase que levar a cabo en 2013, pero lembra que había opinións contrapostas de veciños que querían a praza libre de vehículos e doutros que sinalaban que se debía deixar o carril libre. “Creemos que é o máis correcto para a praza. Agora a superficie é en practicamente a súa totalidade para os peóns, e unicamente déixase un carril para vehículos autorizados. Ademais, a adecuación dos bancos pétreos era fundamental e necesaria xa que os bancos non tiñan respaldos e agora están mellor colocados”, sentenza Rivas.











