Finaliza a primeira quenda das Mañás de Verán en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Hoxe finaliza a primeira quenda do campamento estival infantil Mañás de Verán que organiza a concellería de Educación e Participación Cidadá mosense dirixida pola edil Kely Monzón. Como despedida, os cativos participantes realizaron onte unha saída á praia. Mañá mesmo, mércores 16 de xullo, comeza a segunda quenda das Mañás de Verán do Concello de Mos e, con tal motivo, a responsable desta iniciativa, Kely Monzón, aproveita para lembrar que aínda quedan prazas libres para as terceira e cuarta quendas así que os nenos e nenas interesados en participar aínda están a tempo de inscribirse.

As persoas interesadas en participar deberán cubrir unha solicitude de inscrición para o campamento debidamente asinada polo pai/nai ou titor do/a menor e achegando o que nela se solicita, facendo constar a quenda na que o/a menor está interesado/a. De quedar prazas vacantes os/as participantes poderán solicitar participar noutra das quendas onde se terá en conta a necesidade familiar coa conciliación da vida laboral, de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles. A solicitude de inscrición estará a disposición do público, na Concellería de Educación no edificio Multiusos, no rexistro do Concello e na páxina web do Concello, apartado descargas.

O campamento matinal Mañás de Verán desenvólvese nos meses de xullo e agosto e está dirixido ós escolares de Mos. Realízase nas instalacións do CEIP Mestre Valverde Maio de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.

Os nenos e nenas participantes deben ter idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Un ano máis, a Concellería de Educación do Concello de Mos puxo en marcha os campamentos matinais para os nenos e nenas do concello en idade escolar. Esta experiencia fai que os nenos e nenas se divirtan, aprendan a relacionarse, compartan actividades e sobre todo vivan novas e enriquecedoras experiencias. Como en anos anteriores, bríndaselles ós cativos actividades únicas para a educación cognitiva, social e afectiva dos participantes, cunha organización responsable, coherente e profesional, garantindo a harmonía, a convivencia, a alegría e o benestar de todos/as. Con esta iniciativa, ofrecése de novo unha ferramenta de conciliación entre a vida laboral e familiar para os habitantes do Concello, de xeito que nesta época estival os rapaces e rapazas poidan gozar dun ocio saudable e de calidade dirixido a través de prácticas educativas.

Os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os  rapaces e rapazas do Concello.

Finalizada xa a primeira quenda, a 2ª levarase a cabo do 16 ao 31 de xullo (ambos inclusive), a 3ª quenda: do 1 agosto ao 14 de agosto (ambos inclusive), e 4ª quenda: do 19 ao 30 de agosto (ambos inclusive).

Os servizos incluídos no programa son campamento, aula matinal e comedor. O campamento é de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Dentro do horario do campamento intercálanse actividades lúdicas, xeportivas, xogos e obradoiros e 2 saídas por quenda. A aula matinal é un servizo para cubrir as necesidades familiares no momento que non poden conciliar o horario laboral co horario de vacacións escolares ou, neste caso, coa oferta das Mañás de Verán. O horario do servizo funciona dende as 8:00 ás 9:00 horas. (cun custe de 19 € con almorzo ou de 14 € sen almorzo, a maiores do servizo de campamento). E o servizo de comedor ofrece ás familias a posibilidade de ampliar o horario de campamento e así poder conciliar a vida familiar e laboral segundo as necesidades de cada familia.O horario é de 14:00 a 16:00 horas e o prezo será de 60 € por participante a maiores do campamento.

O custo das actividades para os participantes será: 40 € por quenda e neno/a. Prezo a maiores con aula matinal: 14 € (sen o almorzo) e 19 € (con almorzo). Prezo a maiores con comedor: 60 €.

15 de xullo de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.