publicidade hoxe

Finaliza a primeira parte do programa de excursionismo e sendeirismo para maiores de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

No Programa de excursionismo e sendeirismo Ven e Descubre, dedicado este ano aos “Paraísos Cercanos”, leváronse a cabo tres rutas de sendeirismo nos meses de maio, xuño e xullo nas que participaron 172 persoas. Coa ruta que realizaron onte os maiores de Dorneda, Santa Cruz e Os Regos pola Mariña lucense rematou esta primeira parte da programación e que abarcou 3 rutas.

A primeira destas rutas, que ten un carácter preparatorio, foi a que transcorre dende a Fábrica en santa Cristina ata o Encoiro de Cecebre, seguindo a senda que transcorre paralela ao río Mero. O seu obxectivo, ademais de coñecer o estado físico no que se atopaban as persoas participantes, foi descubrir a situación medioambiental da Ría do Burgo, analizar a historia industrial da que aínda quedan numerosos restos (fábrica de cervexas, telleiras, marisqueiras, a Cros…) e coñecer a vida e obra de Wenceslao Fernández Florez, xa que foi na súa casa museo onde finalizou a ruta, con lecturas que describían lugares polos que se camiñou durante esa ruta.

No mes de xuño visitouse outro paraíso cercano, o río Miño, que nesa época de ano ofreceu un marabilloso espectáculo de flora e fauna en plena efervescencia a través dun roteiro de mais de 14 km pola Terra Cha. Rematou o día na Casa de Hortas, casa natal do poeta Manuel María en Outeiro de Rei, na actualidade convertida en museo e na que se coñeceu, a través dunha magnífica visita guiada, á vida e obra do poeta chairego.

Finalmente, no mes que estamos, visitaron a Mariña Lucense, nunha fermosa ruta pola beira do mar, dende Rinlo, en Ribadeo, ata a praia das Catedrais, en Barreiros. Mais tarde achegáronse á Basílica de San Martiño de Foz, unha xoia da arquitectura románica, considerada a catedral mais antiga de España. O próximo mes de setembro vaise realizar outra ruta mais pola Costa da Morte (Monte Louro, Lira e Carnota), na que se poderá gozar da beleza da paisaxe atlántica e coñecer as numerosas lendas e tradicións de orixe celta que hai na zona.

16 de xullo de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.