publicidade hoxe

Festa, artesanía, comercio, gastronomía e cultura na fin de semana en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

A Asociación de Comerciantes de Tomiño (ADETO) organiza coa colaboración co Concello de Tomiño, Asociacións de Tomiño, Deputación e Xunta de Galicia, a II FESTA DE ASOCIACIÓNS DE TOMIÑO,  que se celebrará esta fin de semana (sábado 12 e domingo 13 de xullo), nas rúas do centro urbano.

O evento foi presentado onte no Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa, Sandra González, e a concelleira de Cultura e Deportes de Tomiño, Cristina Martínez, e en representación de ADETO, Manuel P. Riveiro e David Vila (presidente e secretario, respectivamente).

Segundo explicaron, o programa foi confeccionado coa intención de chegar ao maior número de persoas, de todas as idades, polo que o abano de actividades é amplio e diverso, incluindo eventos lúdicos, culturais, gastronómicos e deportivos de distinta índole. “Tratase de amosar o inmenso traballo que fan as asociacións do municipio durante todo o ano, co fin de enriquecer a vida social, cultural e comecial da vila”, explicou Riveiro.

Tras o éxito da primeira edición, os empresarios queren consolidar esta festa, dinamizando así a vida comercial, cultural e lúdica da vila.

Tanto Sandra González, coma Cristina Martínez reiteraron o compromiso do Concello coas asociacións culturais, veciñais e Adeto, para fomentar a dinamización do comercio e da cultura en Tomiño, así coma promover o asociacionismo entre as entidades e pesoas que traballan polo concello.

Máis de 40 postos con produtos de alimentación, artesanía, regalos, etc. concentrarase nas rúas máis céntricas e Praza do Seixo ao longo de toda a fin de semana.

A Carreira Popular do sábado, con saída e meta na Praza da Mina, conta xa con máis de 300 persoas inscritas, de diferentes idades.

Coma novidade, Festa A Esgalla instalará na rúa Colón, a carón do Concello, unha tirolina de seis metros de altura e máis de 50 de percorrido (custe da viaxe 1 euro, conxeable en calquera dos postos).

Entre as actividades incluídas no programa, destacan as seguintes (xúntase programa completo máis abaixo):

– Feira de Oportunidades e Artesanía
– Exposición das Asociacións de Tomiño
– Exposición de Pintura e Escultura do Baixo Miño
– Inchables e Tirolina
– Actuacións de diferentes treboadas polas rúas
– Mallada de Trigo
– O sábado 12 ás 18.00 Carreira Popular, con varias categorías
– XXI Festival de Folclore Internacional Grupo Virxe do Alivio
– Animación e Photocall con “PEPPA PIG”
– “Deporte na rúa”
– Actuación do grupo “Farfalla Títeres
– Actuación dos grupos “Bailas Moza?” e “Fantasía”

11 de xullo de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.