Ferrol presenta a súa nova proposta de actividades de turismo e ocio para o verán
A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou hoxe a programación turística para os meses de xullo, agosto e setembro. Unha oferta recollida nos novos folletos informativos encargados pola Administración municipal e que se centran no principal produto turístico da cidade, a Ruta da Construción Naval. Así mesmo, o folleto tamén informa sobre as datas e horarios das visitas guiadas ao Arsenal Militar, Navantia e o castelo de San Felipe así como outras propostas culturais, de ocio e natureza.
García Fraga explicou as principais novidades que este ano recolle o folleto informativo sobre a oferta turística para a época estival. Estas son, un listado das empresas de turismo activo da zona co fin de facilitar aos turistas unha oferta completa e variada de actividades; e unha sección especial dedicada ao Camiño Inglés con código BIDI para enlazar coa páxina web da Ruta do Xacobeo. “Ferrol debe aproveitar a proximidade con Santiago de Compostela para conseguir que cada vez máis peregrinos se animen a visitarnos e percorrer o Camiño Inglés, quizás o máis descoñecido, pero de gran interese histórico”, recalcou.
Un total de 42.000 folletos turísticos -37.000 en castelán, 5.000 en galego e 2.000 en inglés- serán distribuídos ao longo do presente ano en diferentes cidades galegas e asturianas. Máis concretamente, se repartirá o folleto da programación de ocio para o verán en Ferrol, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, o contorno da Praia das Catedrais e Oviedo; as oficinas de turismo da Xunta das seis principais cidades galegas e principais aloxamentos turísticos do xeodestino Ferrolterra; e hoteis, restaurantes e cafetarías das zonas máis turísticas da cidade.
Dentro da campaña de verán, tamén se realizarán outras actividades promocionais de Ferrol como publicidade sobre a Ruta da Construción Naval na revista Ling -da compañía aérea Vueling- ou accións en internet a través dun espazo propio en Tripadvisor e a comercialización de paquetes turísticos en Rumbo. Ademais, todo isto irá acompañado de promoción a nivel autonómico en televisión e medios de comunicación. A edil de Turismo destacou o formato do folleto que cualificou como “moi cómodo para levar”, ao tempo que sinalou que o mesmo fai alusión a páxina web e vídeos da iniciativa “Descubre Ferrol” e as redes sociais de Ferrol Turismo onde o visitantes poderán encontrar máis información.
Visitas turísticas
En canto aos horarios e datas da programación do folleto turístico, o programa de visitas guiadas comezará o vindeiro sábado 12 de xullo e prolongarase ata o domingo 14 de setembro. Así, as visitas con guía ao Arsenal Militar serán todos os sábados, domingos e días festivos, ás 11:00 horas, e tamén os venres pola tarde, ás 19:00 horas os días 8, 22 e 29 de agosto. O city-tren da cidade acollerá de novo as visitas a Navantia que se desenvolverán todos os sábados, domingos e festivos ata o 14 de setembro -incluído- ás 12:30 horas, e o city-tren sairá diante ao Teatro Jofre. Tanto para as visitas ao Arsenal como para Navantia será preciso inscribirse con antelación no punto de información turística do peirao de Curuxeiras, e o prezo será de 4 euros por persoa e viaxe (os nenos menores de 5 anos gratis).
A visita guiada a San Felipe, será os sábados 12 e 19 de xullo e o 30 de agosto, ás 18:00 horas e o prezo tamén será de 4 euros. En canto ás visitas guiadas e teatralizadas ao castelo, se desenvolverán os sábados 26 de xullo, e os días 2, 9, 16 e 23 de agosto ás 18:00 horas; e o prezo é de 6 euros para adultos, e de 4 para maiores de 65 anos e nenos de 5 a 12 anos.
No que atinxe aos paseos en barco pola ría, deron comezo o 1 de xullo e se prolongarán todos os días ata o 15 de setembro. O percorrido terá lugar ás 12:00, 13:00, 16:00, 17:00,18:00 e 19:00 horas e a venda de tickets será no propio barco tendo un prezo de 7 euros para adultos e 4 para maiores de 65 anos e nenos entre 5 e 12 anos. Ademais, haberá viaxes en barco a San Felipe coincidindo cos días que hai visita teatralizada, saíndo a embarcación ás 17:00 horas a un prezo de 5 euros ida e volta para adultos.











