Ferrol pon en marcha a rede wifi en doce prazas e espazos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou hoxe da posta en funcionamento da rede de wifi en espazos públicos dos barrios de Canido, Ferrol Vello e A Magdalena. Esta actuación, que conta co financiamento do programa Urban Ferrol, permite dar acceso a conexión wifi gratuíta en doce puntos da cidade, que son: a Praza de Armas, Praza Oito de Marzo; parque Raíña Sofía; Cantón de Molíns e Alameda de Suanzes; Praza de Amboaxe; Praza Cruceiro de Canido; Praza Vella; fachada do peirao de Curuxeiras; Baluarte de Canido; Praza da Fenya; Xardíns de Herrera e de San Francisco; e Praza do Mercado do Peixe.

Langtry Caínzos explicou que foron solicitadas as pertinentes autorizacións a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) “requisito imprescindible para poñer en funcionamento unha rede wifi de carácter gratuíto”. Este servizo público de acceso a internet contará cunha plataforma coas seguintes características: límite de horario de uso por un período de 60 minutos, ancho de banda limitado a 256 Kb, e acceso a través dun portal web que se enlazará coa páxina web oficial do Concello e de información turística da cidade. Neste senso, matizou que o sistema desconecta automaticamente tralo período límite establecido, pero os usuarios poderán volver a conectarse no mesmo punto de acceso ou noutro diferente. O edil de Economía apuntou que esta proposta “permitirá enlazar unhas plataformas con outras e facilitar tanto aos ferroláns como os turistas o acceso a conexión wifi para buscar información turística da cidade”.

Conexión en Praza de España

Aos doce puntos de acceso a internet citados anteriormente e que contan co financiamento de fondos europeos, hai que sumar a Praza de España, espazo público en que tamén se pode acceder a este servizo wif. “Aínda que sen o financiamento do Plan Urban, consideramos que por tamaño e número de usuarios debíamos engadir a Praza de España; e ademais xa contaba coa infraestrutura básica polo que só houbo que instalar un repetidor”, explicou Langtry Caínzos.

O titular da Área de Economía do Concello de Ferrol avanzou que nestes momentos estase a valorar a posibilidade de seguir ampliando esta rede wifi a outros puntos e barrios da cidade.

1 de xullo de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.