Ferrol mantén aberto o prazo de solicitude de becas para a escolarización
O Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela, a través da Concellería de Benestar Social, ten aberto o prazo de petición de becas para a escolarización nas escolas infantís do municipio, dirixidas a pais e nais con nenos/as con idades comprendidas de 0 a 1 ano e de 1 a 2 anos. A día de hoxe este programa de becas conta con dez novas solicitudes para o vindeiro curso e nestes momentos a iniciativa beca a un total de 19 menores de familias empadroadas en Ferrol, segundo informou a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, na comisión da área celebrada esta mañá.
Ao respecto, Martínez Beceiro lembrou que este programa de axudas para escolas infantís ten como obxecto “fomentar a conciliación da vida familiar e laboral facilitando ás familias becas para a escolarización dos seus fillos matriculados nunha escola infantil adherida á rede AFESIN”. O prazo para a presentación das solicitudes está aberto ao longo de todo o ano; e a contía da axuda será dun máximo de 50 euros/mes e estará en función dos ingresos da unidade familiar. Así as cousas, poderán solicitar as axudas aquelas familias que cumpran os seguintes requisitos: estar empadroadas no Concello de Ferrol con a lo menos 1 ano de antigüidade); ter menores ao seu cargo que estean matriculados ao logo do ano 2014 nunha das escolas infantís adheridas á rede AFESIN e que dita escola aplique os prezos regulados pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Unha vez resoltas as solicitudes presentadas, o Concello de Ferrol realizará catro abonos trimestrais dos importes concedidos, segundo cada caso. Os pais terán que solicitar á escola infantil onde estea matriculado o menor un informe xustificativo de asistencia, dentro dos 10 primeiros días do mes que finalice o correspondente trimestre. A relación de escolas infantís do municipio adheridas a este programa de Benestar son La Salle, Os Meniños, Belén, ABC, San Rosendo, Chip-Chop e Ludy. Todas elas están concertadas coa Xunta de Galicia.











