Ferrol impulsa unha nova edición do programa de emprego “Inserta 4”
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, deu conta esta mañá da concesión dunha subvención para a posta en práctica do programa integrado para o emprego “Inserta 4” aos diferentes grupos políticos na comisión informativa da Área de Economía. Unha iniciativa que ten un custe total de máis de 130.000 euros e que o Concello de Ferrol pon en marcha ao abeiro da achega concedida pola Xunta de Galicia que ascende a 98.000 euros. A edil Martina Aneiros explicou que este proxecto, que nestes momentos desenvolver a súa terceira edición, busca dar continuidade a liña de colaboración mantida nos últimos anos entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello de Ferrol “proporcionando ferramentas de inserción para o colectivo de desempregados do municipio”. O programa se prolongarán ata o vindeiro 30 de abril de 2015.
O programa integrado “Inserta 4” busca a colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas a través da combinación de accións de orientación e información laboral, asesoramento para o autoemprego, formación ocupacional e práctica laboral. Esta nova proposta inclúe actividades de prospección de empresas e intermediación laboral así como o favorecemento da mobilidade xeográfica. O proxecto “Inserta 4” está dirixido a un total de 80 persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público Galego e que pertencen a algún dos seguintes colectivos: mozos menores de 30 anos, que contarán con 25 prazas; mulleres, con 15; mozos menores de 30 anos con baixa cualificación, se reservarán 25; e persoas desempregadas en risco de exclusión social, terán 15 prazas.
Aneiros Barros destacou o carácter experimental e innovador deste programa integrado para o emprego que consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque que permita o deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa beneficiaria, así como das necesidades das empresas nas que as persoas participantes son insertadas. O obxectivo de “Inserta 4” é mellorar a empregabilidade e a integración destas persoas no mercado laboral, e o plan integral de emprego se desenvolverá a través de diferentes accións: orientación e información laboral, formación e práctica laboral, prospección de empresas, intermediación laboral, mobilidade xeográfica e plan de inserción laboral. Así mesmo, durante a formación, as 80 persoas participantes terán un seguimento personalizado a través dun dobre sistema de titorías (colectivas e individuais), de xeito que o seu acompañamento é continuo ao longo do programa.
Paralelamente á formación, se realizarán actividades de orientación grupal destinadas a traballar habilidades sociais. Esta orientación incluirá módulos ou talleres de curta duración que versarán sobre formación no campo laboral e en aspectos persoais e de interacción social. Así, os participantes aprenderán técnicas e ferramentas de busca de emprego que lles permitirá elaborar o seu propio plan persoal de acción para a busca activa de emprego, ao tempo que traballarán habilidades sociais como a autoestima, autocoñecemento persoal, comunicación, asertividade, crítica, etc.
Inserción laboral
A edil de Emprego salientou que “o enfoque personalizado e a especial metodoloxía deste programa deron como resultado nas edicións anteriores unha inserción no mercado de traballo que supera o 50% das persoas participantes”. Máis polo miúdo, a concelleira ferrolá ofreceu un balance pormenorizado do porcentaxe de persoas colocadas no mundo laboral grazas ao programa integrado “Inserta”de cada unha das edicións. Así, das 100 persoas que participaron na primeira edición do proxecto un 52% atopou un traballo, mentres que o porcentaxe da segunda edición foi do 50% con 80 participantes. En canto á terceira edición, que aínda se atopa en funcionamento, o porcentaxe de inserción laboral é do 55%. A edil de Emprego tamén explicou que 33 empresas de diferentes sectores acolleron as prácticas non laborais do “Inserta 3” e que se desenvolveron de xaneiro a maio do presente ano.











