Ferrol garante con “Xantando en familia” a alimentación equilibrada e saudable a 128 menores
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou esta mañá sobre as características do novo servizo municipal “Xantando en familia”, que garante unha alimentación saudable e equilibrada aos menores pertencentes a familias con dificultades económicas para cubrir as necesidades básicas alimentarias durante o período de vacacións escolares. A día de hoxe, son 128 os menores do municipio que xa se benefician deste programa, posto en marcha a semana pasada polo Goberno Municipal en colaboración con Cáritas, e que permite que as familias reciban semanalmente no seu propio domicilio un lote con alimentos variados. Neste senso, a edil ferrolá sinalou que todas as familias beneficiarias son perceptoras de RISGA ou están en trámites de selo; ao tempo que recalcou que é un programa pechado para familias cuxos menores estaban en comedores escolares.
As familias con menores que se benefician deste servizo recibirán semanalmente nos seus domicilios un lote con alimentos, tanto perecedoiros como non perecedoiros, coa finalidade de garantir unha dieta equilibrada. O custe de cada un destes paquetes de comida por beneficiario é de 13,30 euros, asumidos a partes iguais polo Concello e Cáritas. Se establecen dous tipos de lotes de alimentos que se repartirán de maneira alterna, polo que o paquete A será recibido polas familias a primeira e terceira semana do mes, mentres que o paquete B será a segunda e cuarta semana. En canto aos alimentos, o lote A estará integrado por un pack de leite de 6 unidades; verduras (unha leituga e medio quilogramo de tomates); un quilogramo de patacas; un quilogramo de cenorias; dous quilogramos de froita variada; un pack de oito iogurts; 300 gramos de polo; 300 gr. de tenreira e 300 gr. de peixe. O paquete B contará con media ducia de ovos; verduras (unha leituga e medio quilogramo de tomates); dous quilogramos de froita variada; un quilogramo de xudías; un quilogramo de pementos; 300 gramos de porco; 300 gr. de carne picada; 300 gr. de peixe, un litro de aceite e un paquete de pan de molde.
Martínez Beceiro destacou que “Xantando en familia” é un servizo acorde coa postura que fixo pública o Colexio Oficial de Traballo Social que entende que a mellor solución pasa porque os menores teñan unha dieta saudable nos seus propios domicilios. Así mesmo, a edil explicou que a Confederación de ANPAS de Galicia tamén rexeita a apertura dos comedores escolares durante a época estival, así como a Fundación Amigos de Galicia que considera a mellor solución o reparto de alimentos para que os menores poidan alimentarse no seu propio fogar . “Estas posturas débense ter en conta e apoian a decisión tomada por este Goberno, que os técnicos municipais da Área de Benestar Social tamén avalan”, engadiu. A edil ferrolá recalcou que “non damos as costas ás familias” e que durante o presente mandato a Área de Benestar Social incrementou as axudas directas as familias “chegando a non ter teito de gasto nas becas de comedor e non excluíndo aos menores matriculados en colexios concertados”. Por último, a titular de Benestar lembrou que “este tipo de axudas son un dereito que teñen os cidadáns”, insistindo no feito de que “están a disposición das persoas que as necesitan durante todo o ano”.











