Ferrol alegará a proposta de reordenación do servizo de autobuses feita pola empresa concesionaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol presentará alegacións á proposta de reordenación do servizo de transporte urbano de viaxeiros que a empresa que o xestiona –Tranvías del Ferrol- realizou á Xunta de Galicia e que non teñen carácter firme. Así o indicou o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Pablo Cal Martínez, durante a sesión plenaria ordinaria celebrada hoxe na Casa Consistorial.

Neste sentido, o edil ferrolán manterá a vindeira semana unha nova reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia en que outra vez porá de manifesto o rexeitamento do Goberno Municipal de Ferrol á proposta feita pola concesionaria das liñas urbanas e na que demandará que non se leve a cabo. As alegacións que presentará a Administración municipal centraranse, fundamentalmente, en evitar modificacións no servizos sensibles que afectan a barrios como Caranza, Ferrol Vello e contorno do complexo hospitalario.

O concelleiro de Seguridade e Mobilidade explicou que realizará estas alegacións de maneira coordinada coas entidades veciñais, co obxectivo de recoller nas mesmas as súas demandas. Esta non é a primeira vez que o actual Goberno Municipal rexeita solicitudes de reestruturación do servizo propostas pola empresa concesionaria. “Insistiremos en transmitir á Xunta e a Tranvías o noso rexeitamento a modificacións que supoñan un prexuízo importante para os veciños de Ferrol”, insistiu Pablo Cal.

31 de xullo de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.