Ferrol abre o prazo para solicitar as axudas á escolarización e para comedores escolares para o vindeiro curso
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, abre mañá o prazo para a presentación de solicitudes para as becas de comedor escolar e axudas á escolarización para o vindeiro curso 2014-2015. Así, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) recolle hoxe as bases reguladoras destas achegas municipais dirixidas tanto a escolares de colexios públicos como concertados e que estipulan un prazo de 30 días naturais contados a partir de dita publicación para a presentación de solicitudes.
O Executivo de Jose Manuel Rey mantén a eliminación do teito de gasto para a concesión destas axudas co que se garante que non exista lista de espera e que todas as familias que cumpran cos requisitos das mesmas e as soliciten sexan beneficiarias, con independencia de que os seus nenos/as estuden nun colexio público ou concertado do termo municipal. En canto aos datos do ano 2014, foron concedidas preto de 400 becas de comedor e un total de 800 menores, entre 3 e 16 anos, se beneficiaron de axudas á escolarización. Así, o Goberno Municipal de Ferrol investiu máis de 300.000 euros nestas dúas achegas, dos cales 250.000 responden a becas de comedor escolar e 65.000 euros a axudas para a compra de libros de texto e material escolar.
As becas de comedor e axudas á escolarización están dirixidas a unidades familiares de convivencia con menores de idade a cargo, escolarizados en centros de ensino -público ou concertado- da localidade en que se impartan estudos de educación infantil e primaria – tamén secundaria no caso das axudas para material escolar- e que conten con servizo de comedor no termo municipal de Ferrol. As persoas interesadas en ser beneficiarias destas achegas deberán presentar a solicitude xunto coa documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. Así mesmo, entre os requisitos que deberán cumprir están: estar empadroados e residir no termo municipal; convivir cos menores para os que se solicita a beca de comedor ou axuda á escolarización; que o menor este matriculado (ou ter reservada a praza) en centros escolares públicos ou concertados do termo municipal e que curse educación infantil, primaria ou secundaria; ou que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases. Cómpre lembrar que as becas de comedor teñen agora un prazo de cara ao inicio do curso escolar, pero que estas se poden solicitar ao longo de todo o curso.
Premio Solidario Cidade de Ferrol 2014
Ademais, a publicación de hoxe do BOP tamén recolle as bases que rexerán a nova convocatoria do “Premio Solidario Cidade de Ferrol 2014” e que establecen un prazo de presentación de candidaturas de 30 días naturais a partir de dita publicación. O obxectivo principal deste certame é premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado. As entidades sociais, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro, deberán presentar as súas propostas e documentación requirida no Rexistro Xeral.











